Casas con Historia

Casas con Historia
05 de Abril, 2024 - 02:43 h. | Publicada por Radio Fene

Vida e vivenda mariñeira en Ares (1940-1970). Presentación da investigación de Xurxo Antelo. As oito desta tarde na Alianza Aresana. As casas baratas de Ares foron construídas entre 1955 e 1957. Un dos obxectivos da ditadura franquista coa súa política que neses anos creou vivenda para as clases baixas era buscar a súa simpatía, explica o historiador.

ESCOITA O PODCAST:

Os mariñeiros eran un sector historicamente desafecto e o franquismo buscaba lexitimarse. “Buscaba aceptación, trata de crear unha imaxe benevolente ou caritativa do réxime”. Foi unha das funcións da política de vivenda do franquismo que a partir da década dos 50 construíu casas baratas en moitas vilas e cidades.

“As casas baratas estaban destinadas as clases populares e medias baixas, tiñan prezo fixado polo Estado pero nunha época de gran penuria económica, o groso da poboación nin sequera podía costear o alugueiro”, explica Xurxo Antelo. O 40% das casas, que se entregaron no ano 57, quedaron baleiras. O Concello de Ares decidiu promover o seu uso turístico, ata que os veciños da vila presionaron para que se lles dera o seu uso orixinal de vivendas para as clases traballadoras. 

Con unha arquitectura característica, como o arco que lles dá acceso, as casas baratas presentaban deficiencias como mal illamento, humidade e espazo reducido, pero “eran unha clara mellora respecto da vivenda media da época, por exemplo, tiñan aseo, que non era habitual”, detalla o historiador.



 

Sociedade

Publica o teu comentario agora