Case cen participantes na cronoescalada

Case cen participantes na cronoescalada
22 de Agosto, 2024 - 09:45 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de San Sadurniño e o club Biela e Chaveta organizan para a tarde deste venres, en colaboración coa comisión de festas de Naraío, a segunda edición da Cronoescalada Sanrockeira. Unha proba ciclista que o ano pasado se estreou no calendario comarcal do ciclismo afeccionado con 52 participantes e que neste 2024  case duplicará esa cifra. E é que o sábado á noite, tralo peche das inscricións, anotáranse na cita un total de 94 deportistas co obxectivo de marcar o mellor tempo nos pouco máis de tres quilómetros que separan a pista polideportiva da Veiga do lugar de Quintiá. A cronoescalada comezará ás 18:30h dándo saídas de cada minuto e pasando polo Eirexado, Correlo, o Cerdeirido, a Cernada, Lourido e, finalmente, Quintiá. En todo ese trazado non se cortará a circulación e, por esta razón, prégaselles ás persoas usuarias da pista que circulen con precaución entre a hora de inicio e as 20:00h, momento en que está previsto que remate esta contrarreloxo coa que se abre a fin de semana festiva do San Roque. 

A primeira edición da cronoescalada, a de 2023, foi un primeiro ensaio no que houbo unha chea de categorías e onde o control dos tempos se fixo reloxo en man. Ambas circunstancias complicaron un chisco o desenvolvemento da proba e retrasaron a entrega de trofeos. Coa aprendizaxe que dá a experiencia e despois de analizar o perfil maioritario dos e das participantes, o Concello e Biela e Chaveta decidiron manter os apartados de bici de estrada e bici btt, aínda que reducindo en ambos o número de categorías, que quedarán este ano en Absoluta -18 a 49 anos- e Máster 50 -de 50 anos en diante- tanto en feminino como masculino. Ademais, para axilizar o cotexo dos tempos, a medición farase mediante chip.

Os dorsais poderán retirarse ata as 18:00h presentando o carné ou a licenza federativa. Todas e todos os ciclistas terán cobertura dun seguro e, ademais, a organización tamén contará con ambulancia ante posibles incidencias. Na chegada haberá avituallamento  para todas e todos os participantes, que poderán regresar á saída polo mesmo camiño respectando o avance de quen aínda estea subindo. En 2023 houbo quen fixo a crono dúas veces, unha en bici de montaña e outra en bici de estrada.

O itinerario discorre sobre firme aglomerado, algo que favorecerá ás bicicletas de roda estreita e razón pola que a organización dividiu a proba nesas dúas modalidades, sabedora de que a evolución con roda ancha é, a priori, máis lenta.

O primeiro quilómetro de trazado, entre a pista polideportiva da Veiga e a Cernada (polo camiño novo de Lourido) ten escasa dificultade, con costas suaves, algún segmento chan e incluso algunha baixada.  A cousa complícase na volta do rego, a 2,4 km da meta, onde empeza un ascenso ininterrompido -só hai algo de alivio ao pasar polo cruzamento de Lourido- ata practicamente o final, cuns últimos metros en terreo chan de novo no que será posible esprintar para ganar algúns segundos.

A pista estará aberta ao tráfico durante o transcurso da proba. De aí que se lle pregue a máxima precaución tanto ás persoas participantes como ás usuarias da vía, a quen tamén se lles pide que, de ser posible, usen itinerarios alternativos entre as 18:30 e as 20:00h, hora estimada de remate da crono.

Levarán trofeo os tres mellores tempos masculinos e femininos de cada categoría.  Ademais tamén se lle entregará galardón a quen fagan os mellores rexistros femininos e masculinos tanto na xeral en estrada como na xeral en BTT. Hai trofeos, por último, para a muller e o home de maior idade e para as dúas persoas de San Sadurniño que queden mellor clasificadas.

A II Cronoescalada Sanrockeira está organizada pola Concellaría de Deportes coa colaboración do Club MTB Biela e Chaveta e a comisión de festas de Naraío, onde honrarán ao San Roque o sábado e o domingo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora