Castelao e a Rianxeira

Castelao e a Rianxeira

10 de Xaneiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

"A Rianxeira" foi unha canción composta especialmente para recibir a Castelao en Bós Aires en 1947, afirmou esta mañá o alcalde de Rianxo Adolfo Muiños no transcurso dun roteiro polos lugares máis emblemáticos do casco histórico da vila, relacionados co intelectual e político do Partido Galeguista. O rexedor destacou o significado político desta música amplamente difundida en Galicia nas últimas décadas.

O porto, a casa onde viviu Castelao, o Museo Manuel Antonio ou a biblioteca municipal foron algúns dos lugares visitados esta mañá nun acto que rematou coa intervención do portavoz do BNG Xavier Vence diante do busto do autor de "Os vellos non deben de namorarse".

Castelao morreu exiliado en Bós Aires (Arxentina) o sete de xaneiro de 1950. O seu libro "Sempre en Galiza" considérase a biblia do nacionalismo galego. Foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Foi deputado do Partido Galeguista, e na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego. Foi homenaxeado co Dia das Letras Galegas en 1964.Naceu en Rianxo o trinta de xaneiro de 1886.

Plan de Emprego da Xunta

"No canto de acometer medidas que resolvan os problemas de fondo, o Goberno do PP en Madrid e en Galiza seguen instalados nunha estratexia de propaganda que ten como último exemplo o plan de emprego anunciado no pasado Consello da Xunta" afirmou esta mañá en Rianxo Xavier Vence. “Esperábamos medidas de alcance para dinamizar a economía produtiva e xerar emprego, pero descubrimos que o anuncio de Feijóo consiste nun plan de cursos de formación para retirar da lista do paro rexistrado un certo número de persoas neste período electoral. Non é maquillando as cifras nin con medidas de camuflaxe como se solucionan os problemas de fondo”, sentenciou o dirixente nacionalista.
A propaganda tamén pincha en relación a publicitada recuperación económica. “Onte mesmo saían os datos da evolución da produción industrial, e Galiza volve encabezar a lista das autonómias que saen peor paradas, cunha caída da produción industrial que despois se traduce na perda de emprego que coñecemos”, argumentou Vence, quen reclamou “medidas concretas para activar a economía e os sectores produtivos, única forma para remotar a crise”.
No acto de homenaxe a Castelao organizado polo BNG en Rianxo, Vence subliñou que neste contexto o pensamento do ilustre galeguista segue “plenamente vixente” nunha Galiza que sofre as políticas “impostas de fora”, que provocan a ruína e tamén “porque continúa o ataque ao autogoberno desde Madrid”.

 

 

Sociedade