Castiñeiras: “Nunca vín o Códice Calixtino”

Castiñeiras: “Nunca vín o Códice Calixtino”

20 de Xaneiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

O acusado de roubar o Códice Calixtino, José Manuel Fernández Castiñeiras, asegurou este martes na súa declaración xudicial que "non" viu nunca o manuscrito custodiado na Catedral de Santiago e que se sentiu "maltratado" polo xuíz instrutor, José Antonio Vázquez Taín, que se "burlou" del.

A preguntas da súa avogada, tras negarse a responder as cuestións da Fiscalía e a acusación, Fernández Castiñeiras asegurou non lembrar o que dixo ao xuíz instrutor durante a declaración na que confesou ser o autor do Códice e que falou porque lle dixeron que "se non declaraba meterían á súa muller e fillo en prisión".

O acusado, o primeiro en declarar este martes, afirmou que se decatou pola Policía de que atoparan o Códice nun garaxe da súa propiedade e, ante a pregunta de se vira algunha vez este manuscrito medieval respondeu que "non".

"Viña de tomar un café e detivéronme xunto á Catedral, metéronme nun coche e leváronme a Milladoiro. Esperamos alí que chegase o xuíz, que me mandou abrir a porta e entraron todos", explicou o acusado á súa avogada nunha declaración que durou menos de dez minutos, para continuar sinalando que ningún avogado nin "ninguén" foi a falar con el para explicarlle a situación.

Na segunda xornada do xuízo, tras negarse a responder as cuestións da Fiscalía e a acusación, exercida pola Catedral, procedeuse ao visionado da primeira declaración que o exelectricistra realizou ante o xuíz instrutor.

Sociedade