Catro nenos saharauis pasarán en Fene as súas Vacacións en Paz

Catro nenos saharauis pasarán en Fene as súas Vacacións en Paz

21 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O concello de Fene colabora un ano máis co pobo saharaui a través do programa de Vacacións en Paz. Neste senso, tódalas persoas ou familias interesadas no acollemento temporal dun neno ou nena saharaui este próximo verán teñen de prazo ate o vindeiro 8 de maio para solicitalo nos Servizos Sociais Municipais.

Ofertar aos nenos e nenas saharauis unha proposta alternativa de ocio e tempo de lecer durante o verán, alonxalos dos campamentos de refuxiados nuns meses en que as temperaturas acadan as cotas máis altas do ano (superando incluso os 50º) ou axudalos a perfeccionar o seu coñecemento das linguas castelá e galega. Son algúns dos obxectivos do programa Vacacións en Paz, impulsado dende o ano 1991 pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Con esta iniciativa preténdese ademais sensibilizar á cidadanía sobre o situación do pobo saharaui e facilitar asistencia médica e de alimentación aos menores.

Catro nenos ou nenas, con idades comprendidas entre os 7 e os 13 anos, pasarán este ano as súas “vacacións en paz” no Concello de Fene. Segundo explicou a traballadora social municipal, Manuela Real, as persoas ou familias acolledoras deben comprometerse a coidar ao pequeno, acompañalo ás revisións médicas e actividades organizadas pola Asociación, e tamén moi importante, a non iniciar ningún expedente de acollida temporal ou permanente destes nenos, nin procedemento de adopción.

Para participar este ano no programa Vacacións en Paz, o Concello de Fene estableceu un prazo de solicitudes que concluirá o vindeiro 8 de maio. As persoas ou familias interesadas deben pasar polo Departamento de Servizos Sociais, na Avda. Naturais, 44-entresollado, ou chamar aos teléfonos 981-342607 ou 981-492706.

Sociedade