Catro rapaces da Pobra roubaron un rodaballo

Catro rapaces da Pobra roubaron un rodaballo
28 de Febreiro, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

A canción popular alude ao rodaballo asado, pero é un peixe que acepta moitas preparacións, desde fritdo ata guisado pasando pola caldeirada. Un peixe de sabor forte que se cría ben en cautividade.

É un peixe plano de pel sen escamas, de cor gris que, como o camaleón, mimetízase en verde ao agocharse entre as algas. É peixe de poucas profundidades do Mediterráneo pero é máis prezado o que se pesca no Gran Sol pero, sen dúbida, o mellor é o das rías galegas. Testa aplanada, ollos moi xuntos e postos do lado esquerdo. O corpo ten forma de rombo, por iso o médico sueco Linneo denominouno “ Rombus maximus”. É quizás dos peixes máis feos dos mares. Tamén é dos máis sabedoiros que habitan nas nosas rías, de forte recendo, come mariscos e algas.

Cunqueiro lémbranos que os romanos xa lle chamaban “ faisán de mar” e imaxina aos monxes de Sobrado cando no xantar do venres de coresma dubidarían se sería peixe ou carne e se rompería o xaxún, dada a graxa que contén. O rodaballo é o peixe lira dos gregos que, dedicado ao deus Apolo, protexe aos poetas. Na novela do premio Nobel alemán Günter Grass “O Rodaballo” atopamos gorentosas receitas pero, coma sempre en Galicia, practicamos fórmulas máis sinxelas. Está fabuloso no forno sobre cama de patacas, cebolas e pementos, ou simplemente fritido, ou fervido e con allada. É un dos peixes preferidos para a caldeirada. Tamén no guiso mariñeiro con cebolas e pementos e mollo verde, con chícharos ou asado ao xeito tradicional como dí a canción:

Nunha lancha de Marín feita de pau de carballo

Catro rapaces da Pobra roubaron un rodaballo

Catro rapaces da Pobra roubaron un rodaballo/…

Que por non haber aceite houbo que comelo asado.

Vivimos tempos de cultivos en granxas. Pasa co salmón e pasa co rodaballo. Un mal menor co que hai que lidiar, mais o padal afeito ao bravo, ao salvaxe, non cae en enganos. Conta Fausto Galdo que Manuel Azaña, grande gastrónomo, propuxo como escudo da esquerda o rodaballo porque ten os dous ollos mirando á sinistra, sobre campo encarnado.

Cultura

Publica o teu comentario agora