Celeridade nas transaccións e riscos da Internet

Celeridade nas transaccións e riscos da Internet
15 de Febreiro, 2024 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Operacións bancarias sen saír da casa. Os avances tecnolóxicos fan máis doado e áxil a contratación de servizos bancarios. Deste tema e tamén de seguridade informounos esta semana en Cultura Dixital o experto en tecnoloxías Iago Varela, que nos contou o curioso ciberataque protagonizado por 3 millóns de cepillos de dentes intelixentes.

ESCOITA O PODCAST:

“Ata non hai moito tempo había que ir ao banco asinar algún documento para contratar servizos bancarios, agora puxeron en marcha ferramentas que o facilitan grazas ás melloras na verificación do usuario”, explica Iago Varela. Máis complicado resulta darse de baixa. Para iso os bancos non dan facilidades. Por iso, unha directiva europea obrigaraos, antes de outubro de 2025, a poñer máis visible a opción de cancelación dos servizos. O Parlamento Europeo aprobou outra medida para facer inmediatas as transferencias dentro da Unión Europea. Unha inmediatez que agora ofrece Bizum, de aí o éxito deste servizo en España, explicou Iago. “Foi exitoso pola inmediatez que non ofrecían os bancos”.

Atención á seguridade. Iago alertou sobre un curioso suceso que se produciu en Suiza “un ciberataque perpetrado por 3 millóns de cepillos de dentes intelixentes, os atacantes programáronos para que todos se conectasen ao tempo á súa páxina web que quedou bloqueada”. Máis aló do impacto desta rechamante noticia, o sucedido “abre o debate sobre a seguridade deses dispositivos. Que pasa se atacan o noso coche conectado ou a cámara de vixilancia que temos na vivenda?. Dá para reflexionar”, conclúe Iago Varela. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora