Celta e Deportivo buscan na canteira

Celta e Deportivo buscan na canteira

10 de Xuño, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Deportivo e Celta, Celta e Deportivo tomaron camiños diferentes ao rematar a Liga de fútbol da Primeira División, que agora volven diverxer nas estratexias para a vindeira tempada. Curiosamente, os vigueses, que se salvaron, cambian o seu adestrador, mentres que os coruñeses, descendidos a Segunda División, renovaron ao seu.

Especialmente rechamante resultou o adeus de Abel Resino, o técnico que foi quen de deixar ao Celta na máxima categoría na derradeira xornada, pero quen non convenceu á directiva. Tras uns poucos meses no cargo, marcha e deixa o seu asento a Luís Enrique, o ex futbolista asturiano do Sporting de Xixón, Real Madrid e Barcelona, quen atesoura unha corta traxectoria no banco, pero ao que avala o seu bo papel á fronte do filial do Barça. Ese bo trato coa canteira resulta atractivo para os plans do Celta, que cos traspasos de Roberto Lago ao Xetafe, e o de Iago Aspas, aínda non confirmado, ao Liverpool, debe volver buscar nos campos da Madroa novos talentos. Luís Enrique deixou o Mini Estadi de Barcelona para ser a gran aposta da Roma, un dos grandes equipos do Calcio italiano, pero fracasou na súa aventura o ano pasado e dende aquela non volvera adestrar. Agora asina por dúas tempadas en Vigo e convértese no décimo adestrador do Celta dende que Carlos Mouriño é o presidente: con el estiveron, en apenas seis anos, Stoichtkov, López Caro, Antonio López, Alejandro Menéndez, Pepe Murcia, Eusebio Sacristrán, Paco Herrera e Abel. E un máis, curiosamente o primeiro técnico ao que destituíu e que agora sentará ao outro extremo da AP9, Fernando Vázquez.

E tras varios días de negociacións, dificultadas polas febles posibilidades económicas do club, supervisado por un administrador concursal, o galego de Castrofeito Fernando Vázquez, continuará como adestrador do Deportivo da Coruña. Será presentado hoxe oficialmente. Vázquez asina contrato por dous anos e un terceiro condicionado a que o equipo ascenda a Primeira División. Porén, ese obxectivo non é inmediato para o Dépor, que primeiro ten que conformar un cadro de xogadores de garantías e no que terá que acudir necesariamente á canteira por mor desa pouca dispoñibilidade de capital. Cando o pasado venres se confirmaba o acordo entre club e técnico, Fernando Vázquez, quen liderou a remontada que case deixa aos coruñeses en Primeira, manifestou que en parte ficaba na cidade herculina polo agarimo que lle profesou en todo momento a afección. A eses mesmos seareiros pediulles tamén comprensión e paciencia perante a nova etapa que se abre no club, cunha situación difícil no administrativo, e tamén no competitivo.

Sociedade