Cen novas prazas en Navantia

Cen novas prazas en Navantia
23 de Decembro, 2021 - 12:04 h. | Publicada por Radio Fene

Navantia lanzou 97 novas prazas para incorporacións no estaleiro de Ferrol, destinadas a profesionais senior e junior dos colectivos de Técnicos Superiores, Operarios e Persoal de Oficina. Estas 97 vacantes súmanse ás 173 ofertas para juniors que publicou Navantia a pasada semana.

manifestación de Navantia reclamando carga de traballo. Fene

Nesta convocatoria, a compañía ten previsto incorporar perfís para Construción Naval e Sistemas, dúas das súas liñas de negocio. Enxeñeiros/as, informáticos/as, electricistas e administrativos/as, entre outros, son algunhas das vacantes que cubrirá Navantia. 

O proceso de inscrición iniciouse este xoves 23 de decembro e estará aberto até o próximo 21 de xaneiro. Para coñecer todas as vacantes e os seus requisitos, os candidatos deben rexistrarse no Portal de Emprego de Navantia (portalempleo.navantia.es).

Para formar parte do proceso, é obrigatorio rexistrarse no Portal de Emprego de Navantia (https://portalempleo.navantia.es) e acceder á área de Ofertas de emprego.  Dentro da páxina web, os candidatos obterán máis información sobre as funcións e requisitos. Para que solicitude sexa válida é obrigatorio presentar toda a documentación correctamente. 

O procedemento de selección de persoal para as convocatorias foi acordado pola dirección da empresa e a representación legal dos traballadores (RLT). Trátase dun único procedemento para toda a compañía conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade que rexen no acceso ao emprego no sector público.

O Plan Estratéxico 2018-2022 ten entre os seus obxectivos a optimización e o rexuvenecemento do persoal con perfís que potencien a enxeñaría, a xestión de programas e a dixitalización, entre outros.

Sociedade

Publica o teu comentario agora