A cereixa colorada

As cereixas están en plena temporada. Os prezos empezaron altos pero xa van menguando
21 de Maio, 2019 - 01:24 h. | Publicada por Radio Fene

Entre o 17 e o 19 de maio celebrouse na vila de Belesar, na Ribeira Sacra, a carón do Miño, a Feira da Cereixa. Cereixas e viño da zona comparten protagonismo nesta cita que cada ano varía as súas datas en función das colleitas.

As cereixas son o froito da cerdeira, unha árbore que ten moito que ver con Lúculo, amigo de Cicerón. El foi quen trouxo esta árbore da ribeira norte de Asia Menor, dos confíns da Bitinia, aló polo ano 40 antes de Cristo. Avantaxado agricultor, levou ao mundo romano desde a Anatolia, as guindas e outras cereixas apodadas “merizas” da cerdeira silvestre enxertada e que da cereixas doces. Lúculo coñeceu a técnica do inxerto no guindo. Tamén troixo os melocotóns e o faisán que atopou en Persia.

Son miles as clases de cereixas que hai no mundo. Quiroga e o Val de Lemos son os lugares onde máis e mellores cereixas temos en Galicia. Foi Cunqueiro quen se preocupou de solicitar ao cronista de Mondoñedo, Don Eduardo Lence- Santar y Guitián, un informe sobre as cereixas máis comúns na Mariña lucense. O tal Lence, médico masón, dixo: “Temos cereixas de cedo que se venden a finais de abril, molariñas, brancas de rabo longo, a branca do rabo curto, as mourás, as de terra do viño, as sampaíñas e as pedresas, tamén as ambroesas e as garrafais”.

Cando Alvaro Cunqueiro contemplaba as fértiles pendentes do seu val natal decía escribia estes versos:

“Mira cantas bolboretas coloradas se pousaron nas ramas destas árbores!

Non son bolboretas, son os soños de amor que o vento leva,

e deixan nas ramas a imaxe dos beizos das namoradas”

Conta Cunqueiro que Rouseau tomaba as cereixa con auga de canela quente para activar as súas dixestións. O propio autor de Mondoñedo comíaas con pan, como os labregos, metendo tres ou catro na boca e cuspindo as caguñas según mastigaba.

Os antigos herbarios dicían que as cereixas eran sans, que axudaban a botar fora o ácido úrico. Lavadas e frescas xantábanse no almorzo, na sobremesa e na merenda, acompañadas aquí dun códeo de pan. Había xentes larpeiras que as tomaban con azucre e tamén con leite, como os amorodos. Os licores de cereixas son bos se non se pasan de doces.

De novo Álvaro Cunqueiro recolle da fraseoloxía estas atinadas observacións a propósito do froito do que falamos:

“As cereixas e mais as malas fadas , collense poucas e veñen a presadas”

“ Dende as cereixas aos nabos, ben estamos. Dos nabos ás cereixas, todo son queixas”.

“ Cereixas e mentiras, unhas doutras tiran”.

E qué tal para rematar unha receita do mesmo Álvaro Cunqueiro? Marmelo de cereixas do bibliotecario.

Un kilo de froita sen rabo nen caguñas. Algo menos do kilo de azucre e unha folla de menta. Mesturar e deixar repousar unha noite. Cocer durante dez minutos, escumar e deixar en repouso todo o dia. Volver cocer. Arrefriar no molde.

Bo proveito.

Cultura

Publica o teu comentario agora