Certa fluidez no cribado de Fene

Certa fluidez no cribado de Fene
08 de Febreiro, 2021 - 01:37 h. | Publicada por Radio Fene

O SERGAS repartiu esta mañá máis de 2.000 tubos para PCR salival na carpa instalada entre o pavillón e o colexio da Xunqueira. Formáronse colas de vehículos ata o antigo supermercado de Mercadona, pero o reparto foise realizando con certa fluidez. Entre 20 e 30 minutos debía agardar cada automobilista ata recibir as explicacións do persoal da Xunta de Galicia. O tubo pódese entregar a calquera hora desde mañá entre as nove e media da mañá e as sete da tarde. A saliva débese botar en xexún antes de inxerir calquera alimento e antes de lavar os dentes.

O cribado en Fene para a detección do covid 19 comezou ás dez desta mañá. O SERGAS convocou a máis de 7.700 persoas de entre 15 e 65 anos residentes en Fene. O reparto de tubos entre o pavillón e o colexio de San Valentin continuará ata as sete desta tarde. Tamén mañá martes, mércores e xoves. Unha vez recollido o tubo, ao día seguinte, tan pronto como nos ergamos da cama e sen sequera almorzar ou limpar os dentes, deberemos botar a saliva no tubo, pechalo, levalo ao longo desa mesma xornada a outra carpa que estará situada diante das oficinas de Servizos Sociais de San Valentín.

A PCR salival só serve para saber un resultado positivo ou negativo no momento concreto en que se recolleu a mostra. Dito doutro xeito: que a proba nos dea negativo non significa que esteamos libres de contaxiarnos despois de facela, nin tampouco nos di se xa pasamos a enfermidade sen sabelo e temos anticorpos que nos dean certa protección. Por iso, aínda que o SERGAS nos confirme un resultado negativo debemos seguir adoptando todas as medidas de protección, como son o uso da máscara, o distanciamento de 1,5 metros, a hixiene de mans e todas as demais recomendacións e restricións que están en vigor para frear a propagación do virus.

Os horarios para recoller tubos e volver as mostras varían dependendo dos días:

Nesta xornada ata as sete da tarde só recollida de tubos con cita previa.

Martes 9 e mércores 10, de nove e media da mañá a sete e media da tarde, recollida de tubos con cita e entrega de mostras sen necesidade de cita.

Xoves 11, de nove e media da mañá a catro e media da tarde: recollida de tubos con cita e entrega de mostras sen necesidade de cita.

Venres 12, de nove e media da mañá a unha e media do mediodia só entrega de mostras.

(Imaxe desta mañá en San Valentín. Fene)

Institucional

Publica o teu comentario agora