Chega a Fene a exposición fotográfica sobre os irmáns Mayo na Guerra Civil Española

Chega a Fene a exposición fotográfica sobre os irmáns Mayo na Guerra Civil Española

20 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A mostra formou parte do certame fotográfico “Olladas 2008”, promovido pola Fundación Caixa Galicia e a Deputación Provincial. Dende mañá ate o martes da vindeira semana poderemos visitala na Casa da Cultura de Fene.

“Axencia Mayo” é o nome que recibiu o colectivo fotográfico formado polos reporteiros Julio Souza e os seus irmáns Francisco e Cándido, xunto cos tamén irmáns Faustino e Pablo del Castillo Cubillo. Encadrados no bando republicano durante a Guerra Civil, os irmáns Mayo foron testemuña e recolleron coas súas cámaras Leica todo o que aconteceu durante a contenda e nos anos da posguerra. Exiliados en México, finalizada a Guerra Civil Española, boa parte do labor da Axencia Foto Irmáns Mayo desenvolveuse no país americano onde, aínda hoxendía, son case unha lenda.

A exposición “Os irmáns Mayo na Guerra Civil Española” inaugúrase mañá martes na Casa da Cultura de Fene. Na mostra recóllese unha selección de fotografías, pertencentes aos fondos que se conservan na Biblioteca Nacional. Segundo o comisario da exposición, Xurxo Lobato, as fotografías dos irmáns Mayo son de grande interese documental, máis que artístico, porque “axudan a entender cómo se vivía e cómo se padecía a Guerra Civil e, sobre todo, porque amosan cómo era a sociedade da época”.

A mostra permanecerá na Casa da Cultura de Fene ate o martes da vindeira semana. Poderase visitar de luns a venres, en horario de catro a nove da noite.

Sociedade