Chegan os Reis Magos

Chegan os Reis Magos
04 de Xaneiro, 2023 - 10:06 h. | Publicada por Radio Fene

As súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente visitarán o Concello de Fene na tarde deste xoves, 5 de xaneiro, para atender as peticións da rapazada. Será unhas horas antes de iniciar o seu percorrido por todos os fogares do mundo para deixar os agasallos comprometidos. Así, respondendo ao convite da Concellería de Cultura, farán un alto no seu camiño en Fene. Chegarán ás 17:30 á parroquia de Perlío, á altura do cruce da rúa da Xunqueira con Marqués de Figueroa. Chegarán ata o cruce de Fene e pola Avenida Naturais de Fene chegarán  á Praza do alcalde Ramón  Souto onde, nunha carpa habilitada a estes efectos, terá lugar a recepción real. 

Fotografía: Cesar Galdo

A Cabalgata estará formada por catro carrozas acompañadas pola Banda de Gaitas “Airiños de Fene”, a escola de baile “Paso a Paso” e o grupo de animación de “A Guagua”. Durante o percorrido, por razóns de seguridade viaria, non se tirarán caramelos. Serán as súas Maxestades e os seus axudantes quen os repartan en man entre os nenos e as nenas que se acheguen á recepción real que terá lugar ao remate da Cabalgata.

Xa na Praza do alcalde Ramón Souto, ademais do reparto de caramelos, as nenas e os nenos que aínda non formularan os seus desexos poderán depositar as súas cartas no Buzón Real situado na Praza, conversar e fotografarse coas súas Maxestades e participar nunha festa infantil na que non faltarán as coreografías e os xogos de animación.

A Cabalgata de Reis é un evento cargado de maxia que, porén, tamén leva aparellado un intenso traballo loxístico no que están implicadas as áreas de Cultura e de Seguridade, coa colaboración dun dispositivo especial de Protección Civil e da Policía local. 

As rúas do itinerario real (Marqués de Figueroa, cruzamento de Fene, Naturais de Fene) estarán cortadas ao tráfico mentres pase a comitiva e abriranse de novo inmediatamente despois. Ademais, a Avenida do Concello estará cortada ao tráfico e prohibido o aparcamento dende as 16:30h até o remate da festa infantil.

Na imaxe, os Reis Magos en Moeche (Fotografía César Galdo)

Sociedade

Publica o teu comentario agora