A choiva puido cos grelos

A choiva puido cos grelos

15 de Febreiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

As choivas intermitentes e o dia desapacible desluciron a XXXV edición da Feira do Grelo nas Pontes. Ao certame concurriron sesenta e dous artesáns da verdura e as madas de grelos vendéronse a prezos que oscilaban entre o euro e os dous cincuenta. Tamén a Feira de Ferrol congregou a escasos visitantes polo mal tempo.

Os premios á calidade do grelo levaron este ano nas Pontes, por primeira vez, o nome de Alejandro Amador Pérez-Sindín Fraga, un dos promotores da Feira do Grelo, hai xa 35 anos. Gañaron as pontesas Digna Franco (300 euros) e Josefa Basoa (250), seguidas de Mari Luz Vázquez Souto, de Xermade (200). O tres accésits corresponderon ás pontesas Andrea Carballo e Josefa Filgueiras e a Telmo Carballeira, de Xermade.

En canto ás cestas mellor engalanadas, a vencedora foi Luz Divina Alonso Cabarcos, das Pontes, que recibiu 300 euros. A continuación clasificáronse Eva Garrido, de Monfero (200), e Ana Isabel Pico Álvarez, das Pontes (100). Entre a avaliación do xurado e a entrega de premios rendeuse homenaxe a Pérez-Sindín Fraga, que faleceu o ano pasado, coa presenza da súa viúva, Toñita, e dun dos seus fillos, que recibiron unha placa conmemorativa.

Sociedade