Ciencia ao redor

Ciencia ao redor
09 de Maio, 2023 - 02:20 h. | Publicada por Radio Fene

“O que temos que facer sempre é preguntarnos o por que das cousas”, di María Canosa. A escritora e enxeñeira de Camiños, Canais e Portos pecha este curso o programa de divulgación científica “Contando Ciencia”, un ciclo organizado pola biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Educación. 

ESCOITA O PODCAST:

María Canosa destaca a importancia de fomentar a curiosidade na rapazada e lembrou que a ciencia está ao noso redor. “Un dos principais obxectivos da Enxeñaría de Camiños é traballar a prol da sociedade”. Valora o servizo que presta á sociedade e a súa capacidade para solucionar problemas. “Fíxome máis nas obras pequenas, non luce moito levar a auga a unha aldea pero é tremendamente necesario, máis que obras que destaquen pola súa magnitude ou beleza cada vez me gustan máis as útiles”. Canosa que se define como “unha formiguiña da Costa da Morte”, lembra a importancia da física e das matemáticas na Enxeñería. E lembra que os romanos “foron os pioneiros do formigón e aínda non atopamos ningún material que o supere, perfeccionamos algún dos ingredientes, pero seguímolo usando”. “Máis vale maña que forza” titulase a conferencia de María Canosa que terá lugar na Casa da Cultura, ás sete e media da tarde, con entrada libre e de balde até completar aforo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora