CIG-Ensino fai outro xesto de protesta contra a Lei de Convivencia ante a imposibilidade do recurso ao Constitucional

CIG-Ensino fai outro xesto de protesta contra a Lei de Convivencia ante a imposibilidade do recurso ao Constitucional

10 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

3.512. É o número de sinaturas recollidas por CIG-Ensino entre o profesorado galego contra o Proxecto de Lei de Convivencia que vén de iniciar a súa tramitación parlamentaria. As rúbricas de protesta foron entregadas este mañá no rexistro xeral da Xunta, se ben o propio secretario xeral do sindicato, Anxo Louzao, laiouse de que este xesto poderá ter pouca incidencia na revogación da nova norma, da que dixo

“Aposta por métodos autoritarios e represivos para enfrontar os conflitos; non vai acompañada nin de recursos, nin de medios para reforzar a autoridade do profesorado e ten como verdadeiro obxectivo dar o aval legal ás consultas a pais e nais para reducir a presenza do galego no sistema educativo”. Así resume CIG-Ensino os propósitos da Lei de Convivencia, un proxecto que cualifican de “alleo á realidade galega” porque foi “copiado” doutro semellante aprobado polo PP na Comunidade de Madrid”. 
O voceiro do sindicato, Anxo Louzao, desbota que haxa necesidade de regular unha suposta conflitividade nas aulas de Galicia que, en calquera caso, resulta de “baixa intensidade”, argumentou. Ademais, nega que o texto fomente a convivencia ou a participación cando “día a día se nega profesorado para facer substitucións” ou cando a redacción da norma “foi rexeitada tanto polo Consello Escolar de Galicia como pola maioría do profesorado”. 
Louzao asegura que se trata dunha lei trampa para contradicir o ditame do Consello Consultivo sobre o decreto do plurilingüismo. Criticou que, malia todo este rexeitamento, vaia ser aprobada polo PP “aplicando o rodillo da maioría absoluta”. Fronte a isto só cabe recurso do Parlamento autonómico no Tribunal Constitucional, algo que non vai acontecer “por razón obvias”, laiouse.
Sociedade