A CIG-Saúde denuncia que cobrar pola comida nunha hospitalización ou polas próteses atenta contra a equidade

A CIG-Saúde denuncia que cobrar pola comida nunha hospitalización ou polas próteses atenta contra a equidade

10 de Decembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O PP comeza a facer pública a súa axenda oculta en materia sanitaria. Unha axenda que, segundo a CIG-Saúde, conduce ao co-pago e ao desmantelamento do servizo sanitario público. Por iso, a Confederación esixe a súa retirada, sequera do debate, e alerta da pretensión do goberno Feijóo de privatizar o sistema. A eliminación de dereitos para as persoas sen recursos, co constatado bloqueo de tarxeta sanitaria, foi tan só un adianto do que se

A este respecto, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, é contundente. “Os coidados integrais dunha persoa cando está hospitalizada son un todo e iso inclúe, a hixiene e a dieta que son fundamentais para a recuperación do doente”. A isto engade que a pretensión de cobrar por certos servizos suporía “pagar dúas veces, porque a través dos nosos impostos xa temos cotizado para que se garanta o servizo”, afirma.

Abuín denuncia tamén a hipocrisía do PP que di que non vai haber ‘recortes’ senón ‘reaxustes’, asegurando que do que se trata é de contribuír solidariamente. Fronte a isto, a CIG-Saúde denuncia que “estas medidas supoñen unha flagrante perda de dereitos para as persoas con menos recursos e menos capacidade adquisitiva, rachando, en consecuencia, cun dos principios do sistema sanitario público: a equidade”.

Que estas medidas se dean a coñecer transcorrido menos dun mes logo da celebración das eleccións xerais non é, para a secretaria nacional de CIG-Saúde, casual. Ao seu entender “xa as tiñan decididas, pero dado o seu carácter antisocial, agardaron a publicitalas para garantir a maioría absoluta do PP. Unha vez conseguido este obxectivo poden quitar a máscara e comezar a aplicalas facendo uso do seu rodillo parlamentario”.

Abuín advirte de que estas políticas que pretende impor o PP no sistema sanitario son tomadas do modelo británico, aplicando o criterio de ‘efectividade de custo’ e ‘rendibilidade’ aplicado polo Instituto Británico de Saúde. Unha institución que, lembra, foi alcumada como ‘instituto nazi’ porque exclúe do sistema aquelas intervencións que non son rendíbeis. A modo de exemplo, a secretaria nacional de CIG-Saúde sinala que unha intervención nunha persoa de 80 anos pode non ser rendible para o sistema, pero si pode mellorar substancialmente a súa calidade de vida.

Por iso, CIG-Saúde esixe a paralización destas propostas, que vulneran dereitos básicos e rachan cos principios de universalidade e equidade da Sanidade Pública, coa única pretensión de favorecer a subscrición de seguros privados e ás empresas que os xestionan. Do mesmo xeito, insiste en que a propia Constitución española recoñece o dereito á saúde e lembra que mesmo na Lei de Saúde de Galicia se estabelece o dereito a atención sanitaria con cargo a fondos públicos e con cobertura universal.

Sociedade