ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Gran festa do polbo no Carballiño esta fin de semana. Cumpre cincuenta e sete anos. Comeza mañá venres 9 cunha gran verbena co Combo Dominicano, a partir das doce da noite na praza Maior.
O sábado ás once da mañá tocará o grupo de música tradicional Feitizo de Pau na praza de abastos. E ás seis da tarde terá lugar a Festa das Camisolas. Pero sen dúbida o prato forte é o domingo. Abre a xornada a animación musical das charangas CLK e Castro Bello, que percorrerán o pobo dende as once da mañá. Á unha do mediodía levarase a cabo a recepción de autoridades na explanada Irmáns Prieto. E a partir das dúas e media comezará o xantar da festa do polbo amenizado con música popular. Pechan os festexos a verbena a cargo da orquestra La Oca, dende as nove da noite.
A hora de comer o polbo hai que diferenciar entre o capturado nas costas de Marrocos e o das rías galegas. A alimentación e a temperatura das augas son diferentes. Por iso o polbo galego é máis gorentoso, segundo Matilde Felpeto, autora do libro “O polbo e a súa cociña”.
Animal totémico
O polbo é unha das preferencias gastronómicas máis habituais das persoas visitantes de Galicia. Pero tamén para as naturais do pais é un pracer gozar deste animal que hai que asustar tres veces antes de coder, “para que non dea a camisa”. O polbo é o animal totémico de Galicia, en palabras do médico e ensaísta Rof Carballo. Para Álvaro Cunqueiro, "somos o pobo máis polbeiro do planeta, o que máis o comemos e o que mellor o preparamos". O máis habitual é o polbo á feira, cocido e adubado con aceite, pemento e sal.
O primeiro rexistro escrito acerca do polbo remóntanos ao século XII. Un cabaleiro dos Moscoso, da casa de Altamira, cédelle os dereitos de pesca no priorado de Marín ao mosteiro de Oseira. Os mariñeiros páganlles as rendas aos frades en polbo. Para conservalo, sécano ao ar: é o polbo chamado, de media cura, cecia ou seco. Os monxes véndeno nas feiras próximas, especialmente na do Carballiño, e de aí vén a tradición de venda e consumo deste produto nesa comarca de Ourense.
Nin ósos, nin espiñas, nin cascas
Cando Fernán Pérez de Andrade o Bó mandou facer a ermida de Chanteiro en Ares no ano 1404, os obreiros xantaban polbo. De aquí ven o polbo á mugardesa, ainda que as patacas e os pementos chegaron despois.
Cunqueiro dicía que o polbo á feira, o da media cura, tiña o seu límite en Vilalba. Na zona máis costeira o polbo ponse guisado, coas variantes de Mugardos ou da illa de Arousa.
O polbo cócese en auga fervendo, meténdoo tres ou catro veces para que non dea a pel. Cócese con auga soa, sen sal, que o colle mellor do gordo fora da pota. Ten que estar un pouco duro, ao dente, cortado sempre con tesoira e, xa no prato de madeira, bótaselle sal gordo, unha mestura de pemento en po doce, e un pouco de picante, e aceite varrendo a auga.
O polbo é un animal agarimoso, ten tres corazóns e oito brazos, con dúas fileiras de ventosas cada un. Como dicía Luis Villaverde, galego emigrado a Arxentina, autor de Mariscos de Galicia: O polbo non ten ósos nin espiñas, nin cascas, nin tona, nin carabuñas. ¡Todo é carne! ¡E que carne!
Publica o teu comentario agora