Clases de sesenta minutos en Mugardos

Clases de sesenta minutos en Mugardos
20 de Febreiro, 2025 - 08:15 h. | Publicada por Radio Fene

No Instituto de Mugardos, ao contrario do resto de IES nos que se imparte FP, están a impartir aulas de 60 minutos no canto de 50.  A situación agrávase cando “inspección educativa, xefatura territorial e incluso a Consellaría na propia mesa sectorial docente tivo coñecemento desta situación da man da CIG-Ensino”, comenta a responsábel comarcal do sindicato Andrea Martíns. "Con todo, desde a administración non se deu solución a esta situación e optouse por non facer nada para que o tempo continuase a pasar. Como se adoita dicir, non hai maior desprezo que non dar aprezo” indican, criticando a inacción por parte de inspección ante a situación irregular que se está a dar no centro educativo. 

Desde a CIG-Ensino queren facer público o malestar que está a sentir o profesorado e, en consecuencia, o alumnado durante estes últimos anos debido aos recortes de persoal: ausencia de accións ante promesas feitas e ausencia de medidas fronte a situacións laborais inxustas. Non se dotaron as prazas que poderían dar estabilidade aos cadros de persoal dos centros. A secretaria comarcal do sindicato, Andrea Martíns sinala que “é imprescindible que que non se amorticen as prazas provenientes de xubilacións e que se teñan en conta as peticións feitas desde os centros educativos, pois estas están elaboradas baixo unha perspectiva pedagóxica e tendo en conta a premisa da calidade educativa”. Neste sentido,  engade “pódense referir moitos casos, mais destacamos o do IES Catabois, no que ningunha das solicitudes foi aceptada por inspección, provocando que un centro cunhas necesidades educativas importantes merme o número de profesorado estable, se reduzan e incluso desaparezan departamentos afectando isto tamén á oferta de materias“.
Tamén censuran a ausencia de accións logo das promesas feitas. Andrea Martíns informa que “ante a promisión feita por parte do Concello e Consellaría de Educación a finais do 2023 na que confirmaron que destinarían arredor de 7 millóns de euros nos IES e CIFP de Ferrol, os centros non viron materializadas ditas obras relacionadas coa mellora de pavillóns ou edificios centrais”. Dentro dos centros educativos receptores, estaban o IES Sofía Casanova, IES Carballo Calero, IES Concepción Arenal e IES Ferrol Vello. Nestes último o alumando segue a ter que desprazarse até A Malata para poder recibir aulas de Educación Física e neste curso o centro tivo que adiantar máis de 12.000€ para poder costear o bus que fai as viaxes.
Censuran a ausencia de melloras reais nas condicións laborais do profesorado nos CEIP: "En moitos casos, non se deron os desdobres prometidos a través do acordo sindical do ano 2023. A realidade é que as necesidades educativas especiais non se están a atender como deberían, xa que, como se explica “de pouco vale asinar un acordo que non aumente o cadro de persoal dos centros”.

Cultura

Publica o teu comentario agora