A cloroxina de Maniños

A cloroxina de Maniños

07 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Entre 1936 e 1939 a Pirotecnia de Maniños convertiuse en fábrica de armas. Arredor de 500 persoas empregadas na instalación fabricaban unhas bombas de mán moi potentes. Enchíanse con cloroxina, un produto inventado polo director da factoría Francisco García Pazos.

Antonio García Díaz creou a empresa “Pirotécnica de Maniños” na primeira década do século XX. Adicábase a todo tipo de fogos de artificio, nuns obradoiros instalados no lugar de Cornide (Maniños Fene A Coruña).  Un dos membros da familia, Francisco García Pazos adoptou dende o comezo unha actitude innovadora, chegando a convertirse nun dos fogueteiros de máis sona do Norte da península. Logrou o primeiro premio nun festival de fogos de artificio en Oporto, e unha medalla de ouro en Santander. Inventou o explosivo “cloroxina” vendendo máis tarde a súa patente á fabrica de Riotinto en Huelva.

Ao desatarse a guerra de 1936 militarizouse a Pirotécnica, transformandose en fábrica de armas. Chegaron a traballar alí máis de 300 empregados. Despois de 1939 a fábrica volve convertirse en pirotécnica.

O 18 de abril de 1942 un grave accidente provoca a morte de 8 persoas. A fábrica tiña que servir con presa uns fogos a unha festa. A lucería tiña que secar e para axilizar o proceso meteron os fogos no forno dunha vivenda do lugar da Corredoira. Non tiveron a precaución de deixar a porta do forno aberta para evitar un estourido e reventou todo. Despois do accidente a fábrica cambia de máns pero entre 1955 e 1958  pecha definitivamente as súas portas.

 

Francisco García Pazos

Na II Guerra Mundial Francisco García Pazos encargase de supervisar a exportación de wolframio de Galicia a Alemania. Logo proseguirá as súas investigacións. Así en 1965 inventa un "neutroreactor" depurador de gases, que eliminaba a toxicidade e os fumes producidos polos motores de combustión interna. Segundo informa o ABC do 14 de abril de 1965, o invento foi presentado na Exposición Internacional de Inventores celebrada en Bruselas. Informaba o periódico das ventaxas do aparello: "Lógranse combustións completas, ao formarse, cos gases residuais, misturas moi ricas en osíxeno, evitando a presenza do nocivo monóxido de carbono, así como a do terrible gas que azouta á humanidade nas grandes poboacións, coñecido co nome de benzopireno". 

Sociedade