Coñecendo Fene a pé

Coñecendo Fene a pé
27 de Abril, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Andaina por Fene o domingo 30 de abril. A concelleira de Deportes, Cristina García Moroño, deu detalles en Radio Fene sobre a quinta andaina dun programa que comezou o ano pasado “con moi boa acollida, para facer exercicio e coñecer mellor o municipio”. O Concello desenvolve este programa co apoio das entidades veciñais ou culturais das distintas parroquias, neste caso colabora o CPS de San Valentín e percorrerá as parroquias urbanas do municipio.

ESCOITA O PODCAST:

“Seguro que vai resultar moi interesante”, avanzou a concelleira. Anima a toda a cidadanía a participar na camiñada, apta para todas as idades.  “É a quinta andaina dun programa con moita aceptación, que ideamos para motivar a camiñar e coñecer mellor o concello, contando coa colaboración das sociedades”. As anteriores foron por Barallobre, Limodre, Maniños e, hai quince días, por Sillobre. O vindeiro domingo irá por Perlío, Fene e rematará en San Valentín. Terá unha duración aproximada de dúas horas e media e faranse paradas para ver lugares destacados do percorrido. Nesta ocasión, actuará como guía o xornalista e escritor Ramón Loureiro. Para non ter que madrugar moito en domingo, a saída será ás 11.00 h do antigo circuíto de coches radio control, na parte traseira do Edificio As Pías e do Hostal Perlío, con acceso desde as rotondas de entrada a Navantia Fene. A participación é de balde, pero cómpre anotarse antes do venres 28 de abril ás 13.00 horas. A inscrición pode facerse de 8.30 h a 14.00 h no 981 340366 ou en cultura.deportes@fene.gal e pola tarde pode chamarse, de 16.00 a 20.00 h, ao 687 582 060.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora