Coa nación na esquerda

Coa nación na esquerda

11 de Outubro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

"Coa nación na esquerda. Tecendo rede" é o lema da II Asemblea de Anova que se celebra esta fin de semana en Santiago de Compostela. Poñer o acento no carácter nacionalista ou insistir na "Frenta Ampla", na colaboración con movementos cidadáns como Podemos e organizacións estatais como Esquerda Unida será unha das eleccións que deberá realizar a formación liderada por Xosé Manuel Bei

380 votos dos “federalistas” fronte a 369 de Cerna marcaron o resultado do referendo no que as dúas liñas se mediron antes das eleccións europeas no pasado mes de febreiro. O pulso volveráse repetir esta fin de semana e a corrente agora minoritaria (Cerna) afirma querer “retomar o proxecto orixinario de Anova, sen faccións internas, con máis democracia, autonomía para as localidades e considerar finalizada a coalición da Alternativa Galega de Esquerda”. De cara ás eleccións municipais, Cerna opina que as organizacións políticas deben dar un paso atrás, deixando o protagonismo á cidadanía nas Mareas e outras candidaturas abertas que se están a organizar dende a base. Este sector é moi crítico con Esquerda Unida, indicando que “non amosou interese en establecer organismos de coordenación reais para examinar as propostas que se levan ao Parlamento Galego”.

O novo e o vello

"Eu son dos que pensa que, nese debate no que o novo non acaba de emerxer e o vello non acaba de desaparecer, o que se pode falar é en parámetros de convivencia", defende  o coordenador de Anova Martiño Noriega, pero "o problema é cando un dos discursos adopta unha posición case excluínte e de non convivencia, no sentido no que volve adoptar argumentarios que se teñen escoitado noutras casas e outros lugares". De feito, sinalou que, como nas relacións sentimentais ou comunidades de veciños, "non todo depende dunha das partes", senón de "as dúas partes en cuestión", e "iso terá que ser unha decantación do debate e tamén da responsabilidade de cada quen". "O lóxico sería é que ese debate puidese darse sen ter que chegar a eses lugares", remarcou. Nun momento no que Anova ten representación no Parlamento galego, o Parlamento Europeo e diversos concellos, Noriega remarcou que a formación chega a esta asemblea nun momento no que non se esquiva" que como forza que "está a tentar facer unha relectura do nacionalismo clásico galego dos últimos 30 anos" ten lugar "un debate", ao que non se quere facer ningún tipo de caneo". Aínda que asegurou que "en Anova non hai unha loita de poder, porque non hai poder que repartir", recoñeceu "un debate intenso" que "excede a propia estrutura organizativa". Por iso, espera "fixar posicións", pero chegar a "conclusións construtivas" e "ser unha ferramenta útil".

A Coordinadora Nacional de Anova-IN estará conformada por 105 persoas, 75 elixidas no plenario da Asemblea Nacional e 30 elixidas por áreas territoriais. A proposta da coordinadora é que a elección das 75 persoas ?para o que se presentaron 176 candidatos? no plenario fágase mediante listas abertas con factor de correción de xénero do 50% (non podendo superar ningún sexo as 38 persoas). Pola súa banda, a Comisión de Garantías estará conformada por cinco acodes elixidas en asemblea. Así mesmo, na asemblea haberá un punto de resolución dos recursos presentados contras as sancións da Comisión Ética e de Garantías, no que Esther Duro ve como "un dos debates máis importantes que se dean", xa que a Asemblea pronunciarase sobre a expulsión de compañeiros.

Informes e calendario

A II Asemblea Nacional de Anova celebrarase os días 11 e 12 de outubro, sábado e domingo, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, á que están chamados uns 1.200 militantes. Tras a recollida de acreditacións, o arranque do debate será ás 10,30 horas coa votación sobre o regulamento do plenario e os recursos presentados. Nesta asemblea, o sábado votarase tamén o informe de xestión da Coordinadora saínte nun texto que recoñece abertamente que "o escenario político da organización despois da I Asemblea Nacional foi de tensión máis ou menos contida", que se agravou considerablemente" ante as eleccións europeas deste ano na que dúas posicións maioritarias "chocaron". Por este motivo, admítese que "non é o escenario ideal para facer un traballo político". Ademais, neste encontro abordarase o informe económico, sobre o que Noriega xa avanzou que a situación de Anova é a dunha formación "sen ningunha débeda". Neste texto recóllese que houbo uns ingresos de máis de 220.000 euros en 2013, mentres que no que vai de 2014 os ingresos son de case 115.000 euros. O sábado pecharase co debate e votación das teses organizativas, estatutos e carta financeira. Xa o domingo, procederase ao debate e votación das teses políticas. Pola súa banda, entre as 15,00 e as 17,00 horas haberá votación en urna da nova Coordinadora Nacional e da nova Comisión de Garantías. A sesión de clausura prevese sobre as 18,00, aínda que segundo fíxose saber desde a organización estes horarios son provisionais á espera de que se determine finalmente cal será o sistema de elección da Coordinadora e en función de como se articulen os debates.

Sociedade