Coidado na destrepada

Coidado na destrepada
12 de Xuño, 2020 - 12:45 h. | Publicada por Radio Fene

O Club Montaña Ferrol retoma a súa actividade co paseo polo Forgoselo en xuño e a viaxe á Cordilleira Cantábrica na zona de Babia en León, en xullo. Na primavera caéron todas as súas actividades, entre elas o descenso ao Belelle.

ESCOITA O PODCAST:

“Caéronsenos todas as actividades de primavera. Entre elas a 15 edición do descenso do Belelle ou esta fín de semana os 50Km da Costa Ártabra” laméntase o presidente do Club de Montaña Ferrol. Xan Ramírez entende que fose así dada a situación de alarma sanitaria que estamos pasando. Ao que sí chegan a tempo é á marcha polo Forgoselo co seu xantar incluído, o ultimo domingo de xuño. Os días 3,4 e 5 de xullo pecharán a tempada deportiva na Cordilleira Cantábrica, aló onde nace o noso Sil e onde enfiarán a subida dos Picos Rabinalto, La Arena, Alto de la Cañada y La Solana, de 2000 metros. “Unha comarca que nos ten enamorados, declara Ramírez, pola súa vexetación, o lago, a pedra caliza e os corzos”.

Sorrí Ramírez cando lle preguntamos polo termo “desescalada” utilizado para denominar a conta atrás da crise da Covid19. No mundo da montaña e da escalada, nunca se denomina “desescalada” ao descenso. En todo caso eles falan de “destrepe”. A propósito da desescalada, volvendo á Covid19, Ramírez advirte que teñamos máis coidado que nunca porque precisamente todas as estatísticas demostran que no descenso é cando máis accidentes se producen na montaña. Explica Xan Ramírez que “é cando máis te relaxas porque xa chegaches á cima, pero é precisamente cando máis risco tes de accidentarte”. Trasladándoo á pandemia, non Podemos baixar a garda porque o virus segue latente.

 

(Imaxe do facebook do Club de Montaña Ferrol)

Deportes

Publica o teu comentario agora