Coidados e violencia sexual

Coidados e violencia sexual
17 de Outubro, 2026 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os coidados de persoas vulnerables e a promoción da igualdade son eixos da actuación diaria do departamento de Benestar do Concello de Fene que planifica tres actividades sobre eses temas para as próximas semanas. Anunciounas no espazo dos Servizos Sociais de Radio Fene a coordinadora de Benestar e Igualdade, Pilar Couce.

ESCOITA O PODCAST:

“Hai persoas que pasan décadas coidando aos seus seres queridos, ademais da carga física hai unha carga emocional moi grande, sobre todo no caso de persoas cunha demencia”, explica Pilar Couce. Por iso, desde o Concello ofrecen formación para coidadores de persoas que teñen algún tipo de demencia ou son dependentes. Para que saiban como desenvolver mellor o seu imprescindible labor. 

A Concellería de Benestar de Fene organiza dúas actividades sobre o tema nos próximos días. A primeira será un curso que impartirán técnicos de Afal, a Asociación de Familiares de persoas con Alzheimer e outras demencias. As sesións serán os días 27 e 29 de outubro, de catro a seis da tarde, na Casa da Cultura. No mesmo lugar haberá tamén outra actividade do Club de Coidadores, o día 5 de novembro ás catro e media da tarde. 

Igualdade

“Tratamos de apoiar e coidar a mulleres que sofren violencia, neste caso violencia sexual porque cando unha muller é quen de detectala pode defenderse”. O tema da violencia machista está sempre presente na actividade do Concello que organiza tamén a actividade “Sementes de Cambio”, o día 29 de outubro, ás sete da tarde, coa que se pretende espertar a conciencia de que “non ten por que sufrirse”. 

 

Institucional

Publica o teu comentario agora