Coidar o planeta, a rapazada e as persoas maiores

Coidar o planeta, a rapazada e as persoas maiores
24 de Novembro, 2023 - 09:10 h. | Publicada por Radio Fene

O secretario xeral da ONU Antonio Guterres denuncia no seu último informe sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable que o 80% das metas mostran un progreso feble. Nalgúns apréciase retroceso. Non somos quen de introducir os mecanismos correctores mínimos para garantir que o noso mundo de abundancia reverta nunha mellora das condicións básicas de existencia para a inmensa maioría da humanidade. "Non debemos desmaiar para conseguir os ODS e a Axenda 2030. Temos que encarar as desigualdades económicas, de xénero e raciais, a crise climática e os conflitos e crises humanitarias actuais. Precisamos coidar o planeta, a rapazada, as persoas maiores, aquí en Moeche, como tamén en Gaza ou en Senegal" indicou o actor e locutor Toño Casais no programa "Onda Ods. Empeza por ti".

ESCOITA O PODCAST:
Fotografía Xarda

A alcaldesa Beatriz Bascoi salientaba a importancia do movemento asociativo da localidade durante a súa participación no programa especial “Onda ODS Empeza por ti. Moeche a pola axenda 2030” que Radiofusión emitía este mércores dende o colexio de Moeche. En tres horas de radio en directo os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable cos que se traballa na localidade foron os protagonistas. Abade, Labacengos, San Xoán, Santa Cruz e San Xurxo son as cinco parroquias do concello de Moeche e nelas confórmase a vida deste municipio cheo de historia, gastronomía, oferta turística e tamén moitos proxectos anovadores. Durante a xornada de radio en directo no colexio San Ramón de Moeche a súa directora, Almudena Yáñez, presentou unha completa imaxe da oferta que poden atoparse no Centro, inmerso en moitos proxectos e con moitos servizos. O alumnado deu a coñecer un traballo de investigación para a recuperación da microtoponimia relacionada co agua, ríos, regatos, fontes e lavadoiros, das distintas parroquias de Moeche. O proxecto, elaborado polo alumnado, axudou a rescatar máis de 40 topónimos que estaban case esquecidos.

Da man de Antonio Díaz, cociñeiro e propietario do negocio, Autga Autóctonas, que traballa con produtos locais e razas galegas, coñeciamos a experiencia de posta en valor e aproveitamento económico, da produción e difusión das razas de gando e variedades agrícolas autóctonas.

O Desenvolvemento Económico do Concello de Moeche, tamén estivo presente durante a emisión a través da presentación, que Cristina Garcia, Concelleira de Desenvolvemento Económico, Turismo e Igualdade fixo de dous importantes elementos de dinamización local. O tratamento e aproveitamento dos produtos agropecuarios neste concello, eminentemente rural é o eixo e motor do proxecto de A Fusquenlla, o Centro de Transformación Agroalimentaria que Moeche está a poñer en marcha conxuntamente cos municipios de Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño. Segundo Garcia, “poder darlle unha saída a través da transformación, a aqueles excedentes da produción agrícola que non teñan saída comercial en fresco abre unha nova vía de comercialización da produción dos pequenos produtores”

“Non chegan tres días para gozar de todo o que ten Moeche”, con esta afirmación, Ramón Carballeira, técnico de turismo do Concello de Moeche presentou as posibilidades turísticas de Moeche. Propostas como as 10 rutas dispoñibles dentro do Xeoparque Cabo Ortegal, gozar do medio natural do que goza Moeche, a visita ao Castelo de Moeche para coñecer o escenario no que tivo lugar unha das máis senlleiras revoltas irmandiñas ou a posibilidade de participar nun dos festivais folk con máis historia de Galicia, o Festival Irmandiño que este ano cumpriu 44 edicións. 

O programa para a creación dunha rede veciñal contra as violencias machistas, O Lavadoiro, tivo especial protagonismo no programa. Lucía Ríos e Silvia López, participantes como mulleres facilitadoras neste proxecto, contáronnos como O Lavadoiro, que xurde como unha proposta institucional pero que implica a mulleres e tamén homes para o seu desenvolvemento, está en plena transformación, consolidándose como un recurso imprescindible para a loita contra as violencias contra a muller. 

As iniciativas locais estiveron presentes, Pilar Carrodeguas presentou o proxecto de elaboración e comercialización de produtos lácteos da súa explotación gandeira, “Queixo da Lavandeira” no que queren retomar as formas de produción tradicional. 

Esa vizosa vida asociativa á que aludía a alcaldesa tamén tivo presenza en Moeche a pola axenda 2030. A AVV de Labacengos, a través da súa presidenta Eva María Quetti Orjales, compartiu a experiencia da sociedade na recuperación de tradicións, como é o caso da Festa da Esfolla que levan celebrando 16 anos. A Asociación Val de Moeche, representada por Xaquín Ros presentou un traballo de recuperación da memoria colectiva, a través de conversas cos protagonistas, que xa está plasmado nun libro Moeche na Memoria e anunciou que unha segunda parte está xa en marcha.

Un concello comprometido coa Axenda 2030 no que, tal e como achegaba a súa Alcaldesa Beatriz Bascoy, se traballa para a constitución dunha comunidade enerxética que posibilite o autoconsumo e o acceso a enerxías limpas, no que se ten creado organismos de participación que teñen á infancia e a adolescencia como protagonistas ou nos que se busca un desenvolvemento económico sustentable favorecendo a utilización responsable dos recursos naturais dos que dispón o Concello.

Moeche a pola axenda 2030. Onda Ods Empeza por ti é unha iniciativa das Emisoras Municipais Galegas en colaboración coas Emisoras Municipais Andaluzas, La Xarxa de Catalunya, RTV Cardedeu e a Rede de Medios Comunitarios. Coa axuda do Ministerio de Dereitos Sociais.

 

Fotografía Xarda

Sociedade

Publica o teu comentario agora