A colexiada galega Zulema González

A colexiada galega Zulema González
23 de Febreiro, 2021 - 10:09 h. | Publicada por Radio Fene

A primeira colexiada galega da historia que asubía unha final da copa de España chámase Zulema González, unha muller que se declara satisfeita de como saíron as cousas. Esta muller que leva uns cantos anos na arbitraxe, contesta ás preguntas de Carlos Castro, Manel Díaz e Bárbara Grandal sobre este acontecemento e sobre a súa traxectoria que suma xa 16 temporadas arbitrando.

ESCOITA O PODCAST:

Enterouse de que asubiaría ela esta final por unha chamada telefónica e un correo que chegaron a un tempo. Estaba ao teléfono coa encargada do fútbol feminino, Marisa Villa, e ao mesmo tempo recibía o correo oficial. Atendeu aos dous a un tempo. “Entrei en shock e preguntei, é en serio?” porque, segundo conta,  todas traballan para estar entre as candidatas. Pode tocar ou non. Esta vez tocoulle a Zulema quen recoñece que foi un encontro cómodo de asubiar onde non houbo xogadas complicadas. Só sacou un cartón no momento do penalti a Anita do Logroño por unha protesta pero en xeral a conduta foi boa.

A súa preparación ten dúas partes, segundo explica, o traballo físico para estar en forma e o técnico de coñecemento do regulamento. É importante a comunicación entre o equipo arbitral. “Pautamos unhas palabras clave para cada situación de xogo” afirma. A iso súmase a análise dos equipos que se enfrontan, dos seus entrenadores. “Todo o que poda axudar para estar mellor colocada no campo. Por suposto, afirma Zulema González, axuda tamén saber cousiñas das xogadoras, a que acumula tarxetas, a que solta o brazo con facilidade, etc. “Controlamos esa información como datos que axudan pero non como prexuízos”.

Antes que colexiada, Zulema foi futbolista. Xogou ata cadete porque daquela non se podía seguir . Tamén se formou como adestradora pero, como non se pode combinar coa arbitraxe, non descarta adestrar no futuro. A primeira meta que se puxera foi a estrea na terceira división. Ese e a consecución da escarapela FIFA foron quizás os momentos máis importantes da súa traxectoria, segundo recoñece. A terceira masculina e á primeira feminina chegaron para ela a un tempo. González é consciente dos cambios que se foron producindo no fútbol feminino. En Ourense eran tres árbitras e cando aparecían no campo a xente dicía “Ai Dios mio!”. Agora é máis normal. E nótase unha evolución na profesionalidade. “Todo o que se nos esixe é máis profesional”. Nesta entrevista Zulema conta anécdotas como esta: “ Estou xa no centro do campo. Vai empezar un partido e doume conta que deixara o silbato no vestiario”.

Deportes

Publica o teu comentario agora