Coma o queixo do país

Coma o queixo do país

18 de Novembro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Quedan quince días para o inicio da campaña das eleccións xerais do 20 de decembro. Carlos Callón, presidente durante anos da Mesa pola Normalización Lingüística, define a Nós Candidatura Galega, como a candidatura do país, "igual que o queixo do país ou o viño do país". 

Nós- Candidatura Galega non se pon límites. Traballarán "porta a porta para que todo o mundo saiba que somos a candidatura do país". Así encara a campaña electoral o candidato número un pola Coruña, Carlos Callón, quen tamén se amosou en Radio Fene, orgulloso de pertencer á única candidatura que fixo primarias.

Sobre a imposibilidade de chegar a formar unha candidatura única en Galiza, Callón (que se reivindica militante de base que non estivo nas conversas) non ten pelos na língua ao afirmar que “non quixeron participar  porque non queren que Galiza sexa o centro da súa axenda”, culpando nomeadamente a Podemos.

O candidato pola Coruña definiu Nós – Candidatura Galega como exemplo da unidade e da coherencia.
Entre as súas preocupacións máis inmediatas, das que falará moito na campaña, están os salarios galegos, os máis baixos do Estado, pero o máis grave para Carlos Callón é a situación demográfica do noso país onde, por cada dous que morren nace un e onde cada ano marchan fora 30.000 persoas. Unha situación "insostíble" segundo o número un da candidatura galega.

Sociedade