Combinar traballos para garantir o futuro dos estaleiros

Combinar traballos para garantir o futuro dos estaleiros

30 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Uacute;ltimo día das Xornadas Técnicas e Estratéxicas sobre o Sector Naval que organiza a plataforma Rumbo 21 e que se están a celebrar no Campus de Ferrol. O ciclo finaliza esta mañá cunha serie de mesas redondas nas que se abordará a utilidade das plataformas de apoio tecnolóxico, a relevancia do naval no ámbito universitario e o respaldo financeiro público e privado a este sector.

O director dos Estaleiro Factoría Naval de Marín aposta por combinar o traballo no sector das reparacións e no de nova construcción para garantir o futuro do naval galego. Partindo da experiencia do estaleiro que dirixe dende hai dous anos, Pablo Comesaña defendeu onte en Ferrol a estratexia da dualidade pola propia dinámica do mercado que provoca altos e baixos na demanda duns e doutros servizos. Neste senso, segundo o empresario, cando a nova construcción está en recesión, aumenta a demanda no sector das reparacións, e viceversa.Para o director da Factoría Naval de Marín, nun contexto económico complicado, do que non escapa este sector, “hai que falar menos da crise e poñerse a traballar para saír dela”.

 

Na súa intervención, no marco das xornadas organizadas por Rumbo 21, Comesaña referiuse ao naval como unha posibilidade para os xóvenes de acadar unha formación e unha bagaxe profesional “que lles será moi útil no futuro”. Tamén asegurou que é necesario trasladar á sociedade a mensaxe de que o sector se está modernizando e adaptando aos novos nichos de mercado. Programa intenso o de onte no Salón de Actos do Vicerreitorado, no Campus de Esteiro, onde se están a desenvolver estas Xornadas Técnicas e Estratéxicas sobre o Naval. Á visión dos estaleiros privados na análise das perspectivas futuras do sector, sumouse neste segundo día a da industria auxiliar. Ademais, un grupo de enxeñeiros navais debatiron sobre as posibilidades de negocio no mercado de buques. A xornada concluíu cun breve percorrido pola historia de ASTANO.

Sociedade