Comeza un ano máis o curso Carlos Gurméndez

Comeza un ano máis o curso Carlos Gurméndez

20 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Mañá comeza en Pontedeume unha nova edición do curso de pensamento Carlos Gurméndez. O que comezou como unha homenaxe a este filósofo converteuse no curso de verán máis lonxevo da Universidade da Coruña, sendo esta a súa duodécima edición.

A Guerra Civil. O difícil exercicio de reconstruíla son o título e eixos sobre os que se centrará este ano o curso Carlos Gurméndez. Mañá, martes, terá lugar o primeira xornada deste curso que comezou a súa andaina no ano 1997. A inauguración producirase ás once da mañá e nela estarán presentes o alcalde de Pontedeume, Gabriel Torrente, o rector da Universidade da Coruña, os directores do curso e mailo presidente do Club de Prensa de Ferrol. No devir da xornada trataranse diversos temas relacionados coa Guerra Civil como a fin da guerra e a conxura do coronel Casado, que será analizado polo catedrático de historia de universidade Carlos III. Ás doce e media será o turno do catedrático de historia da UNED, Santos Juliá, que fará a súa intervención sobre os “encontros e desencontros na amargura da Guerra Civil”. Xa na tarde, outros profesores e catedráticos procedentes de universidades de toda España, abordarán temas como a situación dos empresarios e da industria entre o 36 e o 39, ou a dobre factura do financiamento da Guerra Civil. Este primeiro día do curso Carlos Gurméndez deste ano, rematará  ás sete da tarde cunha charla sobre a participación fascista e internacionalista e a controvertida intervención a mariña italiana na Guerra Civil, da man de José Blanco Núñez,membro do ministerio de defensa.
O curso de pensamento Carlos Gurméndez rematará este xoves, vintetres de xullo.

Sociedade