Comezan en Ortigueira as vodas de prata do maior Festival do Mundo Celta

Comezan en Ortigueira as vodas de prata do maior Festival do Mundo Celta

09 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O XXV Festival do Mundo Celta célebrase a partir desta xornada na vila coruñesa de Ortigueira, que multiplica exponencialmente a súa poboación para acoller ata a 100.000 afeccioados a música folk chegados de toda Europa. As vodas de prata deste evento musical traerán de volta ao escenario a nomes consagrados da escena galega, como Susana Seivane ou Xosé Manuel Budiño, así como a artistas internacionais da categoría de Michael MacGoldrick

A acampada, con capacidade para unhas 10.000 persoas, celébrase na praia de Morouzos, xa convertida nunha concentración de tendas e refuxios. Ademais, nesta xornada comeza a funcionar o servizo especial de transporte previsto por FEVE e a compañía de autobuses Arriva, que cubrirán o traxecto Ferrol- Ortigueira. Asemade, póñense en marcha as liñas de buses urbáns gratuitos que conectarán os dous aparcamentos oficiais co casco urbano e o campamento.

Quérese facer desta edición unha homenaxe á música atlántica dos países celtas e recuperar o que xa é a imaxe de marca do festival de Ortigueira: un ambiente único, que Alberto Balboa define como un ambiente de liberdade. Para axudar a iso está a música, que neste día inaugural correrá a cargo da Escola de Gaitas de Ortigueira, o gaiteiro Pablo Devigo, a Banda de Gaitas Agarimo de Ferrol e a escocesa Johnstone Pipe Band, que se xuntarán na Praza de Isabel II a partir das oito do serán. Ademais, no Escenario Estrella Galicia, actuarán novos valores da música de raíz como Pablo Seoane Grupo, Tiruleque e Qui Hi Ha?

Cultura