Comezan as obras de acondicionamento do campo da festa da parroquia arzuá de A Mella

Comezan as obras de acondicionamento do campo da festa da parroquia arzuá de A Mella

25 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Os veciños da parroquia de A Mella, no Concello de Arzúa, dispoñerán a comezos do próximo verán dun espazo de ocio en perfectas condicións para a celebración de cantos eventos teñan lugar unha vez que se leven a cabo as obras de acondicionamento do campo da festa parroquial que empezaron esta semana.

 

A empresa Construccións Tato é a encargada de executar nos vindeiros tres meses os traballos previstos que consistirán na creación dunha escollera, un muro de contención construído en pedra paralelo ao cemiterio que permitirá gañar algo de terreo e facer o campo máis amplo. A maiores, pavimentarase o chan do campo da festa con formigón pulido e crearase unha zona verde axardinada.

Esta actuación, segundo palabras do edil responsable do departamento de obras, Xosé León, “responde a unha demanda dos veciños do lugar que en numerosas ocasións teñen reclamado o acondicionamento final do campo, unha vez que xa en anos anteriores temos efectuado algunha obra nesta mesma zona como foi o muro construído pola parte de arriba do campo ou a mellora do firme do terreo”.

Nas obras que acaban de comezar investiranse 48.990, que servirán para deixar este espazo en perfectas condicións de uso e que ademais a penas suporán ningún gasto para as arcas municipais ao estar incluída esta actuación no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial do ano 2008.

Sociedade