Comezan os actos conmemorativos do centenario do tren Ferrol-Betanzos

Comezan os actos conmemorativos do centenario do tren Ferrol-Betanzos

10 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O tren é protagonista hoxe da actualidade porque a Comisión organizadora dos actos do Centenario da construcción da vía férrea de Ferrol a Betanzos empezou a traballar na conmemoración. As actividades discurrirán daquí ao 5 de maio de 2013, dia no que se cumpren 100 anos desde a xornada na que o primeiro tren circulou de Ferrol a Betanzos.

Esta primeira xuntanza, á que acudiron representantes de todas as institucións locais da comarca e outros organismos, celebrouse na Escola Laica de Cabanas e nela elexíronse os principais cargos da Comisión. Ferrol ten a presidencia e Betanzos a vicepresidencia. Neda responsabilizase da secretaría e a vocalia cultural recaeu na Asociación de Amigos do Ferrocarril. O seu presidente, Manuel del Rio, adiantanos algunhas das ideas que teñen para iniciar os actos conmemorativos, entre as que destacan exposicións itinerantes ou charlas-coloquio. A comisión traballa na elaboración dun Manifesto a prol da mellora do ferrocarril, que darán a coñecer en breve. Asímesmo organizaránse viaxes en tren con incentivos para os nenos e nenas. Entre as iniciativas baralladas está tamén a edición dun documental en colaboración co CGAI, a elaboración de placas alusivas ao Centenario e solicitar á Organización Nacional de Loterías a emisión dun décimo o mesmo dia do centenario, 5 de maio de 2013.

Sociedade