Como en Abbey Road

Como en Abbey Road
11 de Novembro, 2021 - 12:13 h. | Publicada por Radio Fene

En Abbey Road, The Beatles inmortalizaron o que se converteu no paso de cebra con máis sona do mundo. En Fene outro paso de cebra, situado na confluencia da rúa dos Muiños e a rúa doutor Francisco Malvar, non aspira a lograr tanta repercusión. Finalizaron as obras de reparación dos citados viais, pero ainda resta unha elevación da zona peonil para incrementar a seguridade vial.

Paso de peóns na rúa dos Muiños en Fene

Hai escasos días e dentro do prazo de execución proposto pola empresa adxudicataria, remataron as obras de reparación das rúas Muíños e Doutor Francisco Malvar, en pleno casco urbano de Fene. Os traballos consistiron na renovación das canalizacións soterradas da auga e o saneamento  na rúa Muíños e no posterior aglomerado de ambos eixos, situados nunha das zonas máis densamente poboadas do concello ademais de servir de conexión entre Naturais de Fene e a rúa da Fraga. O consistorio recepcionará as obras nos próximos días.

 

O proxecto arrancou a principios de setembro e desenvolveuse en distintas fases para reducir ao mínimo os inconvenientes para a veciñanza en canto a espazo de aparcamento e acceso aos garaxes. Neste sentido foi necesario levar a cabo restricións de tráfico a partir da primeira quincena de setembro a medida que as obras se foron desenvolvendo nas dúas rúas. O labor de maior envergadura foi o levantamento da rúa Muíños para substituír tanto a rede de sumidoiros como a de abastecemento, aproveitando ademais para deixar pozos de rexistro que permitan no futuro localizar avarías da maneira máis doada posible e, mentres se desenvolvan as reparacións, acoutar as interrupcións do servizo só a aqueles puntos afectados. Na zona producíronse nos últimos anos varios rebordamentos de augas fecais e pluviais que o Concello agarda deixar solucionados con este proxecto, centrado en colocar tubaxes de maior diámetro e tamén maior resistencia ao desgaste. O remate dos traballos ocupouse de estender unha nova capa de rodadura aglomerada tanto nesta rúa como na perpendicular -Doutor Francisco Malvar- que baixa desde as proximidades do cruce de Fene até a rúa da Fraga. O alcalde, Juventino Trigo, e a titular de Obras, Mar Piñeiro, percorreron ambos trazados para verificar o estado final da obra, que o Concello recepcionará en breve. Durante a visita ambos responsables municipais coincidiron en sinalar como necesaria a elevación do paso peonil situado fronte á panadaría O Forno -xusto na confluencia de Muíños con Doutor Francisco Malvar- para asegurar a súa accesibilidade en cadeira de rodas ou para persoas con mobilidade reducida. Esa actuación, de escasa entidade, levarase a cabo proximamente. 

Institucional

Publica o teu comentario agora