Como estar e non estar

Como estar e non estar
03 de Febreiro, 2021 - 10:33 h. | Publicada por Radio Fene

The Souls of Black Folk "Las almas del pueblo negro" de W.E.B.Du Bois ven de ser traducido ao español pola editorial Capitan Swing. Desta obra falamos co profesor Noel Blanco.

ESCOITA O PODCAST:

Las almas del pueblo negro” de W.E.B. Du Bois (1903), é un clásico da literatura estadounidense, un relato sobre a situación dos afro-americanos nos EE UU. A editorial Capitán Swing acaba de editar a súa traducción ao español, enchendo un baleiro que aínda existe de traducións de produtos intelectuais de carácter filosófico ou político. O libro é a suma dunha recompilación de artigos de Du Bois, un dos intelectuais e académicos máis importantes dos EE UU. “O primeiro afroamericano que conqueriu un doutoramento na Universidade de Harvard aínda que tamén se formou en Alemaña” afirma o profesor Noel Blanco.

A pesar de ser abolida a escravitude, a comunidade negra non gozou de igualdade. Imperan as leis de segregación racial. Du Bois reflexiona sobre a tradición cultural afroamericana e cales eran os medios para lograr un maior grao de liberdade. O seu enfoque lévao a considerar a dualidade, alma e pobo, a dobre conciencia entre a súa cultura, onde engloba a poesía, a música, os relatos, as tradiccións, etc, e formar parte dunha comunidade máis ampla, cuxas estructuras políticas de opresión non lle permiten a pertenza a esa comunidade. “É como estar e non estar, como ter unha dobre conciencia” conclúe Noel Blanco.

Du Bois fala en “Las almas del pueblo negro” sobre diferentes aspectos. Cada artigo é unha reflexión sobre o legado da escravitude; ser unha minoría sociolóxica; a imaxe que un país ten de ti; a importancia da guerra civil, o acceso á educación, as prácticas relixiosas e tamén relatos conmovedores da súa experiencia persoal ou colectiva. “W.E.B Du Bois vai creando un calidoscopio de experiencias dun pobo que quere expresarse” afirma Blanco.

Cultura

Publica o teu comentario agora