Compostela acolleu a maior manifestación da historia en defensa do idioma

Compostela acolleu a maior manifestación da historia en defensa do idioma

17 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, asegurou no discurso previo á lectura do manifesto na Praza da Quintana que a manifestación deste 17 de maio foi histórica, con polo menos 40.000 asistentes, fronte aos 25.000 do ano pasado. “Sempre en Galiza. Sempre en galego” ou “Temos dereito. Temos lingua” son algún dos lemas que se berr

“Se o galego é para as vacas, eu digo muu”. Frases coma esta ían impresas nas camisetas dalgúns dos asistentes á tradicional manifestación do 17 de maio. Unha mobilización na que estivo presente Radiofusión e que recolleu declaracións como as de Antón Reixa, un home polifacético que afirmou ser “un artesán do idioma galego” e que se expresou en contra de vivir no “territorio do mal humor” como pretenden algúns. Asegurou, igualmente, que non agardaba que a situación lingüística hoxe fose igual que a de hai 30 anos e que facendo producións en galego contribúese á defensa da nosa lingua.

Isto tamén o cre o actor Miguel de Lira, presente tamén na manifestación. Afirma que temos que ter presente o “to be or not to be porque facer cultura ou estar en Galicia é unha maneira de ser”. Asegurou tamén que os anuncios de Feijóo poden pasar de drama e converterse nunha desgracia, aínda que agarda que sexa “unha boa comedia que non quede en farsa”.

Con Miguel de Lira coincidía o editor Henrique Alvarellos para quen “defender o dereito a defender a nosa lingua, é algo máis que unha cuestión formal. É defender ser nós mesmos no mundo”.

A diferenza doutros anos e ante os cambios que no ensino anuncia a nova Xunta, desta volta a manifestación estivo encabezada por un grupo de nenos e nenas, xunto cos seus pais, que portaron unha pancarta co lema “Señor Feijóo, queremos xogar e aprender en galego”.

Tras eles, situáronse os membros da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística como Carlos Callón, Fran Rei, Iria Taibo e Susana Romero. Xa na Praza da Quintana cinco persoas encargáronse de ler o manifesto en defensa do galego: Avelino Pousa Antelo, Yolanda Castaño, Teresa Moure, Nemésio Barxa e Brais Fernández, un dos traballadores acosados por defender o uso do idioma na Capitanía Marítima de Burela.

Á hora de facer balance, Carlos Callón, contento polo multitudinario seguimento da manifestación, afirmou que “cómpre que o Goberno galego escoite”. Queren que “presidente e conselleiros se apropien do galego”, que o utilicen, porque vivir en galego non vai contra ninguén. Se Feijóo non reacciona, Callón anuncia que volverán á rúa.

 

Radiofusión realizou este mediodia un programa arredor do Dia das Letras Galegas entre as 11 e as 14,30, incluindo a retransmisión en directo da manifestación de Santiago de Compostela. 

 

Sociedade