Comprar en Fene

Comprar en Fene
01 de Marzo, 2023 - 06:12 h. | Publicada por Radio Fene

“Aquí vos esperamos, vale a pena achegarse ao comercio de Fene a ver o produto que temos”. Nieves Grande convida desde Koralli Boutique a todas as persoas a aproveitar os grandes descontos que ofrece o comercio local no Outlet que se vai celebrar esta fin de semana. Do venres, día 3, ao domingo 5 de marzo.  Unha iniciativa que organizan o Concello de Fene e a Asociación O Cruceiro de Comercio, Hostalería e Servizos e que ten moi boa acollida. 

ESCOITA O PODCAST:

Grandes descontos en prendas de roupa e complementos para mulleres atopará quen aproveite o Outlet para achegarse a Koralli Boutique, un establecemento situado en Marqués de Figueroa, 7. No comercio preocupa a inflación, recoñece Nieves, aínda que  “Fene está respondendo ben, a xente está involucrada, estamos contentas pero hai que mirar moito as marcas, que teñan calidade e prezo, porque estamos nun momento difícil debido á suba de prezos”. Por iso, a celebración da feira é moi oportuna. “Invito a xente a que entre na tenda porque na jaima non nos van caber todos os produtos, a roupa de abrigo ocupa moito e non cabe todo nos burros”, indica. No interior do comercio terán a posibilidade, ademais, de ver prendas da nova temporada. Este é un negocio propiedade de dúas irmás, Nieves e Isabel. E traballan moi ben en familia “de xeito conxunto, saíndo adiante, é o mellor apoio, as irmás estamos moi unidas todas”, explica Nieves. Koralli, que cumprirá o seu 5º aniversario o 11 de marzo, significa coral en grego. “Somos de familia de armadores de barcos de pesca, estamos moi ligados ao mar”, por iso a decoración e o nome do establecemento, explica. E como boas emprendedoras tamén se apuntan ao comercio electrónico e ás redes sociais “hai que espabilar, aí estamos en Facebook, en Instagram, fixemos unha páxina web, pero hai que dedicarlle tempo”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora