Concedidos os premios da decoración do nadal

Concedidos os premios da decoración do nadal
02 de Xaneiro, 2026 - 05:22 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene vén de facer público o fallo do xurado do II Certame de Decoración de Nadal, unha iniciativa posta en marcha para fomentar a participación da veciñanza, encher de ambiente festivo as rúas do municipio e dinamizar o comercio local durante as festas. Na modalidade de vivenda unifamiliar, a proposta gañadora foi a presentada por Lorena Breijo
González, de Barallobre, pola súa creatividade, coidado estético e integración da iluminación no conxunto da vivenda. Na modalidade de fachadas, balcóns e xanelas, o premio recaeu en Mª del Carmen, de Sillobre,
quen tamén resultou gañadora na modalidade de portais, destacando pola orixinalidade e o
uso de materiais.

Portal de Mari Carmen, en Sillobre

O xurado acordou ademais conceder unha mención especial a Ángela Reis Raimunde, de San
Valentín, en recoñecemento á tradición, ao esforzo e á singularidade da súa decoración.
No certame de escaparates de Nadal, o establecemento gañador foi El Baúl de Bego, unha
proposta que destacou de maneira sobresaínte en todos os aspectos avaliados: orixinalidade,
esforzo, espírito do Nadal, uso de materiais reciclados e iluminación.
As persoas integrantes dos dous xurados valoraron criterios como a creatividade e
orixinalidade, a iluminación, o uso de materiais reciclados e a composición baseada na
tradición popular.
Os premios, consistentes en cestas de produtos achegadas por establecementos
colaboradores e no recoñecemento público ás propostas gañadoras, serán entregados o luns 5
de xaneiro, ao remate da Cabalgata de Reis.
Balance moi positivo da Festa de Ano Novo
Desde o Concello tamén se quixo facer un balance moi positivo da Festa de Ano Novo,
celebrada na Praza do Alcalde Ramón José Souto González, que contou cunha ampla asistencia
de público. A concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, destacou que “foi unha
noite con moitísima participación, cun ambiente excelente, moito civismo e unha resposta moi
boa da veciñanza e das persoas que se achegaron a Fene para recibir o ano”.
Coira subliñou tamén que “a hostalaría estivo chea durante toda a madrugada e a orquestra
conseguiu manter a praza animada ata o final, o que confirma que este tipo de eventos
contribúen a dinamizar Fene e a reforzar o carácter aberto e acolledor do concello”.
O Concello de Fene agradece a participación de todas as persoas e establecementos que
tomaron parte nos concursos de Nadal e anima a seguir colaborando nas actividades
municipais que se organizarán ao longo do ano.

Sociedade

Publica o teu comentario agora