Concelleira e formadora

Concelleira e formadora
05 de Marzo, 2021 - 08:27 h. | Publicada por Radio Fene

A Corporación de Fene debateu a compatibilidade do posto de concelleira co desempeño da función de formadora noutro Concello. Suscitouse o tema no punto da “comparecencia da concelleira do BNG  Anxeles Coira” atendendo á solicitude formulada polo Partido Popular. 

Corporación de Fene reunida o 4 de marzo de 2021

O edil do Partido Popular Juan José Franco expuxo a súa estrañeza pola selección dunha concelleira de Fene para unha praza de formadora dun curso do obradoiro “Inicia IV” organizado polo Concello de Ares “aínda que o municipio de Fene colabora na organización”. Formuloulle un total de quince preguntas en torno á súa contratación na iniciativa impulsada polos concellos de Ares, Neda, Mugardos, Cabanas e Fene. “Considera ético compatibilizar as dúas funcións?” foi unha das cuestións presentadas, recoñecendo a legalidade da decisión. “Claro que puido renunciar á oferta na entrevista previa” concluíu Franco. 
“Son honrada e penso que o parezo” afirmou Anxeles Coira que precisou que o 20 de febreiro do 2020 o alcalde de Fene atribuíu a área de Formación e Emprego a Cristina Garcia Moroño. Acusou ao concelleiro do Partido Popular Gumersindo Galego de mentir en Radio Fene atribuíndolle a Anxeles Coira esa responsabilidade. 
Precisou que “o promotor dese obradoiro é o concello de Ares, actuando os restantes municipios como colaboradores. É Ares o encargado da selección do persoal a partir da xente enviada desde o Servizo de Promoción do Emprego. A Xunta trasladou ao Concello de Ares as instrucións para a selección dese persoal. Esa Corporación aprobou as bases de selección, o alcalde de Ares nomeou o tribunal que baremou os méritos presentados polas persoas candidatas. “O SEPE informou que de acordo cos méritos fun preseleccionada para esa praza, e indiqueilles a miña condición de concelleira preguntando pola existencia de incompatibilidades.  Comunícanme que non hai incompatibilidade e que ao ser demandante de emprego teño a obriga de aceptar a participación no proceso” indicou Coira. 
O Concello de Ares trasladou o listado provisional do persoal seleccionado á Xunta de Galicia que aceptou a contratación temporal e a tempo parcial por 20 horas semanais. “Si que me informei e preguntei se a miña situación como concelleira era compatible coa aceptación do contrato, recibindo a conformidade do SEPE” concluíu Anxeles Coira, quen sinalou que non actuara de mala fe. A concelleira manifestou que estaba no paro, “comunícanme esa oferta de traballo e vexo ético aceptala porque eu non estou contratada no Concello de Fene”. 
Hostalería
A Corporación de Fene manifestou o seu apoio ás demandas da hostalería. A través dunha moción aprobada por unanimidade precisou o seu compromiso de aplicar medidas en favor de cafeterías, e restaurantes. Foi unha iniciativa transaccionada a partir dunha proposta do Partido Popular. O concello estudará a redución de taxas de auga, saneamento e doutros impostos para estes  sectores en crise. Comprometese a crear unha partida presupostaria para axilizar o pago das axudas ás empresas solicitantes da hostalería, contando co asesoramento informático da Xunta de Galicia. 
O PP presentou unha moción apoiando a coordinación de medidas para paliar a crise da hostalería. 
O alcalde Juventino Trigo informou da existencia de negociacións entre concellos, o vicepresidente da Xunta e a conselleira de Emprego para pescudar un acordo de unificación de axudas á hostalería e aos pequenos autónomos entre as diferentes administracións. Informou dunha nova xuntanza para abordar ese tema o vindeiro dia 23. O concelleiro de Facenda Manuel Polo indicou que é a administración autonómica a que ten as competencias e os recursos para regular este tipo de axudas. 
 O edil precisou que a existencia de débedas non debe ser obstáculo para solicitar e cobrar as subvencións. Houbo un debate sobre os matices das medidas, pero finalmente a proposta recibiu o respaldo de toda a Corporación. 
Finanzas municipais
O concelleiro de Facenda Manuel Polo informou da execución orzamentaria no último trimestre do ano. Realizouse un nivel de gasto similar ao de anos anteriores, segundo apuntou. O actual goberno tivo que elaborar un Plan Económico Financeiro para evitar a intervención das finanzas municipais por realizar gastos sen partida presupostaria, cando gobernaba o anterior alcalde. O Partido Popular censurou a falla de orzamento para o presente exercicio. Rocío Bértoa demandou información sobre as modificacións previstas en impostos, taxas e ordenanzas para paliar a familias e negocios a crise derivada da pandemia do coronavirus. A edil popular afirmou que o goberno local de Fene non ten tomado ningunha medida económica en relación coa situación derivada da crise sanitaria. O PP indicou ter pedido a exención das taxas de terrazas para os establecementos de hostalería. “O BNG contestou que é imposible” concluíu a concelleira. 
Manuel Polo indicou que o Partido Popular non sabe estar na oposición, xa que tira da mentira para o seu argumentario político, sinalou. O edil de Facenda retrucou acusando de inactividade á Xunta de Galicia. Aprobouse un expediente de modificación de créditos para o pago de facturas por un importe global de 170.000 euros. O PP abstívose indicando que todas as facturas veñen aprobadas con reparo suspensivo da interventora. 
O pleno tamén aprobou o convenio para xestionar o punto limpo de Vilar do Colo. Os Concellos de Fene, Ares e Cabanas utilizarán esa instalación para o depósito de enseres voluminosos, aparellos informáticos e electrodomésticos. Igualmente saíu adiante unha petición de transferencia á comunidade autónoma galega da xestión do dominio da zona costeira. 
A Corporación respaldou a petición de aprobar a lei de transferencia da autoestrada do Atlántico no actual período de sesións. Por unanimidade saíron dúas mocións presentadas respectivamente polo PP e polo BNG. Causou un momento de distensión na sesión o lapsus da concelleira do Partido Popular cando reclamou o traspaso da AP 9 ao Concello de Fene. Entre risas, o alcalde respondeu: “Non por favor, ao Concello de Fene, non”. Tamén toda a Corporación respaldou o manifesto institucional arredor do Dia da Muller. “O feminismo segue sendo imprescindible para transformar a sociedade e vencer á intolerancia” afirma o texto aprobado. 

Institucional

Publica o teu comentario agora