Concellos asfixiados

Axuda no Fogar e Punto Limpo Móbil
28 de Xaneiro, 2026 - 12:01 h. | Publicada por Radio Fene

“O Servizo de Axuda no Fogar, tal como está, colapsa”, advirte Secundino García, alcalde de San Sadurniño e vicepresidente segundo da Federación Galega de Municipios e Provincias. Defendeu en Radio Fene que debe ser a Xunta quen o financie e anunciou un novo servizo de recollida de residuos que prestará o Concello de San Sadurniño á veciñanza. 

ESCOITA O PODCAST:

“Pensamos que é un erro por parte da FEGAMP darlle un cheque en blanco á Xunta, tiña que asumir o custe total dun recurso esencial para as persoas dependentes, é un dereito que teñen”, declarou Secundino García. Explicou que o que paga a Xunta, administración competente na materia, pola Axuda no Fogar non cubre o gasto da prestación e o desfase na financiación do SAF asfixia a economía dos concellos, especialmente dos pequenos municipios do rural, coa poboación máis envellecida e na que a dispersión encarece o servizo porque a Xunta so paga por hora prestada, sen ter en conta o tempo dedicado aos desprazamentos dun a outro fogar. “Os concellos coa poboación máis envellecida son incapaces de prestar un servizo que é un dereito das persoas, vivan en San Sadurniño, en Folgoso do Courel ou na rúa García Barbón de Vigo; a Xunta non o quere afrontar e os concellos non podemos ceder niso”, opina Secundino García e considera que a reclamación dos concellos “posiblemente acabe nos tribunais”

Punto Limpo Móbil

Un Punto Limpo Móbil percorrerá as parroquias de San Sadurniño para que poidan depositar nel pequinos electrodomésticos, pilas e outros residuos qu enon poden tirar na rede municipal de contedores. O servizo comezará dentro duns días, no mes de febreiro, para facilitar a reciclaxe ás persoas residentes nas distintas parroquias. O novo Punto Limpo Móbil será complementario do servizo de recollida domiciliaria de voluminosos que se fai cargo de residuos de gran tamaño, explicou o alcalde.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora