As confrarías de Pescadores de Pontevedra recibirán 60.000 euros para a prevención de riscos laborais

As confrarías de Pescadores de Pontevedra recibirán 60.000 euros para a prevención de riscos laborais

06 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O deputado de Pesca na Deputación, Agustín Reguera, asinou onte en Arcade co presidente da Federación Provincial de Confrarías, Manuel Pazos, o contrato que vinculará ás dúas institucións no desenvolvemento dun programa mancomunado de prevención de riscos laborais que dea servizo a todas as confrarías da provincia, que suporá un investimento total de 60.000 euros por parte do organismo provincial.

Esta axuda oriéntase, ademais do sector pesqueiro de baixura, ós subsectores do marisqueo a pé. Isto implica que a Federación deberá levar a cabo distintas accións, como coordinar o Servizo de Prevención Mancomunado de Riscos Laborais (SPM) e asesorar ás confrarías, adquirir medios materiais e contratar ó persoal técnico necesario para desenvolver o SPM, así como supervisar e controlar os plans de actuación preventivos nas empresas mancomunadas.

Reguera, quen salientou que “a actividade pesqueira é unha das profesións máis perigosas segundo as estatísticas de accidentabilidade laboral, debido ás condicións especiais nas que se leva a cabo o traballo”, recordou que “xa no ano 2006, a Deputación apoiou a posta en marcha deste servizo mancomunado que tiña por obxecto concienciar ó sector pesqueiro de baixura no cumprimento da actual normativa en seguridade laboral e hixiene a bordo das embarcacións”.

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, agrupa ás 21 confrarías da provincia, ostentando a representación do subsector da pesca de baixura e o marisqueo, composto por preto de 15.000 persoas.

Institucional