ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
O Concello de Fene executa traballos de mantemento en camiños municipais e prepara novas actuacións na rede secundaria. As intervencións realizadas estes días permitiron mellorar a transitabilidade tras os episodios de mal tempo. Está a traballar tamén na licitación de novas obras cun investimento previsto de preto de 70.000 euros.

O Concello de Fene está a levar a cabo esta semana distintos traballos de mantemento e acondicionamento en camiños municipais, dentro do plan de conservación da rede viaria secundaria do municipio. Parte desta rede presenta un grao de deterioro de diversa consideración, motivado principalmente polo paso do tempo, o tráfico intenso e as adversas condicións climatolóxicas, especialmente tras os prolongados episodios de mal tempo rexistrados nas últimas semanas. Os traballos realizados consistiron en rozas e limpeza superficial previa, o perfilado e regularización do terreo mediante maquinaria mixta, así como a achega de zahorra artificial nas zonas máis deterioradas. As actuacións xa executadas corresponderon aos camiños de Buios e Rañoa (Sillobre), Rego da Moa (Barallobre) e Casal (Magalofes). Na actualidade os traballos continúan nos camiños de Tellerías (San Valentín) e outros na parroquia de Fene.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, sinalou que “estas actuacións responden á necesidade de dar unha resposta áxil aos danos provocados polo mal tempo, garantindo condicións axeitadas de seguridade e transitabilidade na rede viaria municipal”. Pola súa banda, o concelleiro de servizos, Adán Chao, explicou que “os traballos permiten eliminar desperfectos, regularizar fendas e reforzar o firme, mellorando as condicións de uso tanto para vehículos como para peóns, especialmente en tramos con pendentes ou cun deterioro máis acusado”.
Máis obras para licitar
Desde o Concello de Fene avanzan ademais que se está a preparar a licitación de novas actuacións de acondicionamento, cun investimento previsto de preto de 70.000 euros, que permitirán continuar mellorando distintos puntos da rede viaria secundaria.
Entre as zonas previstas atópanse o Camiño do Sartego e a súa contorna, arredores da avenida Doutor Sixto Mauriz, a zona de Río Castro e o camiño entre a Estrada do Peirao e O Souto, reforzando así a seguridade e a accesibilidade en diferentes ámbitos do municipio.
Publica o teu comentario agora