Constituído o grupo "Constantino López e Pedro Rico" da memoria histórica democrática

Constituido o grupo "Constantino López e Pedro Rico" da memoria histórica
09 de Setembro, 2021 - 01:35 h. | Publicada por Radio Fene

“A recuperación da memoria histórica democrática é un acto de xustiza social cos que quixeron construír un pais en liberdade, pero tamén unha mostra de que somos unha sociedade que quere resolver as súas débedas históricas dende o diálogo e a práctica democrática”. Manifestouse así no acto celebrado esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello de Cabanas. O alcalde Carlos Ladra e o tenente de alcalde Iago Varela saudaron aos familiares de Constantino López Marcos e Pedro Rico Rodeiro e recibiron un listado provisional das vítimas da ditadura en Cabanas. Nos vindeiros meses traballarase na búsqueda de máis persoas que sexan susceptíbeis de incorporar a esa lista. 

Acto na Casa do Concello de Cabanas

Saber de onde veño
“Gústame saber de onde veño para saber a onde vou”, afirmou Constantino Rico,residente en Francia e neto de Pedro Rico Rodeiro. Os familiares de Pedro Rico e de Constantino López Marcos recibiron un diploma conmemorativo -elaborado de xeito desinteresado no laboratorio de creación artística Laudas Calamity- de mans do primeiro mandatario da localidade. Interveu a profesora Anxos Garcia Fonte que trasladou ás persoas participantes un sentido relato familiar da represión despois da guerra. Quedou constituído o grupo “Constantino López e Pedro Rico” de Son Radiofusión que se adicará á investigación e difusión da memoria histórica democrática.  O acto finalizou coa interpretación por parte do músico Roger de Flor da canción “Notas necrolóxicas” elaborada a partir dun poema de Celso Emilio Ferreiro.

Soaserra

Os corpos de Constantino e Pedro apareceron nun lugar de Soaserra en Cabanas en decembro de 1947. Foran detidos nos seus domicilios en xullo dese ano e levados a un lugar das Fragas do Eume onde padeceron tortura ata a morte. Querían que confesaran os lugares onde se agochaban os guerrilleiros antifranquistas.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora