Contar co cine

Contar co cine
19 de Agosto, 2026 - 10:08 h. | Publicada por Radio Fene

*O guionista e produtor Pepe Coira será o encargado de impartir o vindeiro xoves 27 de agosto en San Sadurniño unha clase maxistral sobre guión audiovisual, titulada “Contar co cine. Unha introdución ao guión”. A sesión desenvolverase na Casa da Xuventude entre as 16:30 e as 21:00 horas e diríxese a todas aquelas persoas interesadas en coñecer os mecanismos da escrita audiovisual da man dun profesional con grande reputación no cine e na televisión.

 E é que Coira conta no seu currículo con series tan
coñecidas -e premiadas- como Hierro, Rapa ou La canción, entre outras,
ademais de asinar o texto de títulos cinematográficos como Antes de
nós ou Cuñados, sen contar a súa participación en varios documentais. O
obradoiro oferta un máximo de 15 prazas gratuítas -inscricións no 636 909
666 ou 680 389 054- e forma parte da programación complementaria do
Chanfaina lab, que volverá reunir en San Sadurniño cineastas de diferentes
procedencias entre o 4 e o 6 de setembro.*

A proposta está concibida como unha introdución ao guión audiovisual e
pretende achegar ferramentas e criterios para construír historias pensadas
para ser contadas a través das imaxes, algo no que Pepe Coira é un dos
nosos grandes referentes desde hai tres décadas.  Antes de centrarse na
creación e produción audiovisual, Coira (Rábade, Lugo, 1963) traballou como
crítico cinematográfico e redactor de *El Correo Gallego*, e posteriormente
participou en diferentes proxectos da Televisión de Galicia. Ao longo da
súa carreira estivo vinculado a numerosas producións galegas de ficción e
non ficción e é cofundador de OlloVivo, desde onde participou no
desenvolvemento de diversos proxectos audiovisuais.

Como guionista acadou especial proxección con *Hierro*, serie creada xunto
co seu irmán, o director Jorge Coira, que se converteu nun dos últimos
grandes éxitos da ficción televisiva española e recibiu numerosos premios.
Tamén é creador, xunto con Fran Araújo, de *Rapa*, thriller ambientado en
Galicia e protagonizado por Javier Cámara e Mónica López, que contou con
tres tempadas. Entre os seus traballos máis recentes figuran *La canción*,
sobre a participación española en Eurovisión en 1968, e *Antes de nós*,
filme dirixido por Ángeles Huerta sobre a faceta máis íntima de Castelao e
a relación coa súa dona, Virxinia Pereira.

A súa traxectoria abrangue tamén títulos como *Mareas vivas*, *As leis de
Celavella*, *Gran Nord*, *Terra de Miranda*, *Eroski-Paraíso* ou *O corpo
aberto*, ademais de numerosos documentais e series de non ficción. O seu
traballo foi recoñecido con premios Ondas, Feroz, Iris e Mestre Mateo,
entre outros. Paralelamente á súa actividade profesional, participa en
encontros e actividades formativas relacionadas co guión e o audiovisual,
compartindo a súa experiencia con estudantes e novos creadores.

Con semellante currículo, non é de extrañar que o Chanfaina lab pensase nel
para ofrecer a clase maxistral do xoves 27 de agosto na Casa da Xuventude,
que será o primeiro dos dous obradoiros vinculados ao programa formativo do
Chanfaina Lab. O segundo, “Hoxe móntase!. Contando historias plano a
plano”, estará impartido por Lucía Iglesias Fuentes, montadora recoñecida
co Mestre Mateo por *Antes de nós* e responsable tamén das montaxes de
*Hierro* e *Rapa, *as tres da produtora Portocabo. Neste caso a sesión
desenvolverase o 30 de outubro, de 16:00 a 20:00 horas

*26 cineastas participarán no XI Chanfaina lab*
Mentres, a organización xa deu a coñecer os nomes das 26 cineastas e
colectivos que participarán na XI edición do encontro, que se desenvolverá
os *días 4, 5 e 6 de setembro*. Nesta ocasión tomarán parte Bieito Beceiro,
Iván Castiñeiras, Alejandro Castro, Yago Castro, Miguel A. Delgado, Xaime
Fandiño, José Roberto Fernández, Alba Gallego, Pepe García, Isa Moreno,
Kevin Lorenzo, Iago Lourido, Pablo Martínez, Carmen Méndez, Olga Osorio,
Cruz Piñón, Gema Rodríguez, María José Serantes, Rebeca Tella e Abel Vega,
xunto cos colectivos The Sungirls, Teño unha horta, Diáspora, A Rigueira,
MonteZ e Proxecto Amarte.

Durante esa fin de semana, as persoas participantes volverán percorrer as
sete parroquias de San Sadurniño para crear pezas audiovisuais de entre
tres e cinco minutos, con liberdade para escoller tanto a historia como a
maneira de contala. O foco desta XI edición -polo menos en canto ao deseño
do cartel- estará posto nas Escolas da Emigración de Ferreira, dous
edificios construídos a comezos do século XX grazas á iniciativa e ás
achegas das comunidades emigradas en Bos Aires e Montevideo, aínda que o
motivo non condicionará as propostas creativas.

A programación pública comezará o *venres 4 de setembro* coa *Eira de
cineastas* -19:00 horas na Casa da Cultura- unha selección de filmes
presentados polas propias creadoras e creadores participantes. Ás 22:00
horas, a Praza Ramón Díaz Raña acollerá unha* proxección ao aire libre
de Sirat*, o filme de Óliver Laxe estreado en 2025. O *sábado 5*, ás 23:00
horas, o Café-Bar DZINE será escenario dunha foliada. Haberá tamén dúas
exposicións fotográficas durante todo o mes de setembro: *Fálame de
Ferreira. As escolas da emigración*, no local social A Seara de
Ferreira, e *Chanfaina
Lab*, na Casa da Cultura.

Antes de que chegue esa fin de semana, o* Chanfaina Lab itinerante fará
este venres a súa última parada desta xeira en Naraío*, cunha sesión que
comezará ás 20:30 horas no local social. A entrada será de balde e
permitirá recuperar algunhas das curtas filmadas nesta parroquia desde os
primeiros anos do encontro, gracias a unha iniciativa que fixo circular
polo territorio unha parte da memoria audiovisual construída ao longo das
sucesivas edicións do Chanfaina lab.

Na imaxe, Manuel González, coordenador do Chanfaina Lab, na Liga de Amigos de Barallobre co historiador Roque Sanfiz. 

Cultura

Publica o teu comentario agora