Contar o que pasou na Galicia neghra

Contar o que pasou na Galicia neghra
31 de Xaneiro, 2019 - 09:38 h. | Publicada por Radio Culleredo

“Contar o esencial do que pasou” afirma Xosé Manuel Pereiro referindose á intención do libro Galicia neghra, un repaso dos sucesos máis relevantes acaecidos na comunidade na última década. “Aos xefes non lles gusta un xornalismo honesto, ético e moral e conceden máis importancia ás audiencias ou ao número de visitantes nas webs” salienta o xornalista coordenador do volume editado pola revista Luzes e que inclue tamén un magnífico relato da rapa das bestas de Manolo Rivas.

ESCOITA O PODCAST:
Club de lectura de Radio Fene Radiofusión sobre Galicia neghra

O conxunto de textos constitúe un retrato diverxente da Galicia actual, constituído por relatos a medio camiño entre a reportaxe e a ficción de serie negra. Deste xeito, polas páxinas do libro pasan asuntos como o accidente de Angrois, o caso do metílico en Ourense, o roubo do Códice, o ocaso dos caciques ou o crime de Asunta.

Galicia Negrha recolle textos de Manuel Rivas, Nacho Carretero, Elisa Lois,  Jaureguizar, Manuel Jabois, Xosé Manuel Pereiro, Silvia R. Pontevedra, Bieito Iglesias, Aníbal Malvar, Fernanda Tabarés, Claudia Vázquez e Diego Ameixeiras. Saiu do prelo a primeira edición en 2014, a segunda en outubro de 2018,  pero segue de vibrante actualidade. Unha boa menciña para a xente farta de ver como se transforman traxedias humanas en circos mediáticos, para as persoas que queren comprobar a viabilidade dun xornalismo de sucesos con mirada honesta e informativa.

Cultura

Publica o teu comentario agora