Continúan os labores de extinción do incendio no concello de Laza

Continúan os labores de extinción do incendio no concello de Laza

01 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

O incendio desatado na parroquia de Camba, no concello de Laza, o pasado domingo, 29 de agosto, xa está controlado e se agarda a súa extinción a última hora desta tarde. Trátase do maior incendio rexistrado en Galicia no que vai de verán. Estímase que a superficie calcinada supera as mil hectáreas. A boa nova é que o lume non afectará á Serra do Invernadoiro.

A extinción do lume de Laza está a resultar  moi complicada xa que o acceso á zona, moi escarpada, non resulta doado. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, loubou esta mañá a labor dos brigadistas que traballan nas labores de extinción deste lume. Asemade sinalou que informará durante a xornada do transcurso do incendio. O alcalde de Laza, José Ángel García, amósase convencido que se trata dun lume intencionado xa que os focos estaban estratexicamente colocados.

Declaracións do conselleiro de Medio Rural

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, destacou esta mañá a efectividade dos servizos contra o lume dos que dispón a comunidade. Juárez argumentou que “si un analiza o número de incendios, realmente a superficie que ardeu se pode considerar pequena. En Galicia, en días como este de final de verán, cando está todo moi seco e hai condicións moi desfavorables, non é estrano que se produzan 40, 50 ou 60 lumes”, explicou o conselleiro. En canto ao incendio de Laza, recoñeceu que de momento non o dan controlado ao tratarse dunha zona de difícil acceso pola orografía do terreo. “Comezou sendo un lume con 16 hectáreas afectadas pero se reavivou en condicións moi difíciles e se estendeu moi rapidamente” engadiu.

Sociedade