Contra bulos, Ciencia

Contra bulos, Ciencia
16 de Abril, 2026 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O ciclo Contando Ciencia, organizado pola Biblioteca o Segrel do Penedo do IES de Fene en colaboración coa concellería de Ensino de Fene, despídese por este curso. A última charla programada será este xoves e vai tratar sobre Alimentación, tema que abordará a catedrática de Tecnoloxía de Alimentos da Universidade de Santiago de Compostela Ángeles Romero Rodríguez. Contando Ciencia é un programa de divulgación polo que pasan importantes científicos galegos. Falamos en Radio Fene coa coordinadora, Violeta Miraz.

ESCOITA O PODCAST:

“En Galicia hai moi bos investigadores e fanse investigacións interesantes”, asegura a profesora Violeta Miraz. Divulgar a ciencia serve para espertar a nosa curiosidade e tamén ten o valor de poñerlle couto aos bulos. “Penso que é necesario que a información chegue a público de xente que está no allo”. Física, matemáticas, bioloxía, son moitos e variados os temas que se explican nas charlas de Contando Ciencia, sempre poñéndoos ao alcance dun público que non é especialista na materia pero que ten curiosidade e afán por entender o mundo e aprender cousas. Este xoves ás 19.30 horas a Casa da Cultura de Fene acolle a charla titulada “Cres que para estar san hai que comer de todo?” Partindo deste interrogante, a catedrática de Tecnoloxía de Alimentos da USC Ángeles Romero Rodriguez falará sobre as claves para mellorar a saúde a través da alimentación. A profesora do Grao en Nutrición Humana e Dietética e do Máster en Innovación, Nutrición, Seguridade e Tecnoloxías Alimentarias afondará, durante a súa intervención no ciclo Contando Ciencia, naqueles “pequenos cambios na alimentación que poden ter un gran impacto no benestar da persoa”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora