Contra o peche de Alcoa

Contra o peche de Alcoa
11 de Xaneiro, 2019 - 01:36 h. | Publicada por Radio Culleredo

Unha nova manifestación contra o peche de Alcoa percorrerá as rúas da Coruña este domingo pola mañá. A protesta prodúcese cando a empresa anuncia que o vindeiro martes dia 15 se consumará o despido dos traballadores da fábrica galega e máis da factoria de Avilés.

O BNG amosou o seu apoio á loita de Alcoa

O grupo do BNG na Deputación da Coruña mostrou o seu apoio ao Comité de Empresa de Alcoa ao que lle trasladou a súa decisión de defender por todos os medios a continuidade da planta da Coruña. Na xuntanza participou tamén a voceira do BNG, Ana Pontón.

 

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, foi contundente nas súas declaracións á hora de defender a necesidade de sumar forzas para "conseguir que Alcoa non se peche". Nunha xuntanza en que tamén participou o voceiro do grupo, o deputado Xosé Regueira, Goretti Sanmartín explicou que quixeron convocar a xuntanza para contrastar cos traballadores a situación antes da data do vindeiro 15 de xaneiro sinalado como posíbel día de anuncio do peche da planta.

 

"Comprobamos que os traballadores se senten enganados nunha situación que parece anunciar un peche agónico, unha proposta que non satisfai aos traballadores nin a nós como BNG", defendeu Goretti Sanmartín que fixo tamén un chamamento á "defensa dos postos de traballo de Alcoa, dun sector estratéxico para a Coruña e para o conxunto do país que non podemos permitirnos o luxo de ver como pecha". Convidou, neste sentido, a participar na manifestación que se desenvolverá o vindeiro domingo, día 13 de xaneiro, na Coruña.

 

Ademais de Goretti Sanmartín e Xosé Regueira, na xuntanza participou a voceira do BNG, Ana Pontón, a concelleira de Arteixo, Silvia Seixas, o deputado no Parlamento Galego, Xosé Luís Rivas e o candidato da Coruña, Francisco Jorquera. Na xuntanza, manifestaron o seu apoio a traballadoras e traballadores e defenderon a necesidade dunha tarifa eléctrica galega como solución para a viabilidade do sector industrial galego.

Sociedade

Publica o teu comentario agora