Contratos para limpeza de parques e biblioteca

Contratos para limpeza de parques e biblioteca
27 de Maio, 2024 - 12:28 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene contratará no próximo mes de xullo un total de cinco persoas con cargo ao Programa PEL 2024, financiado pola Deputación da Coruña. Catro destas persoas integraranse nas áreas de obras e servizos para a realización de tarefas de mantemento de espazos públicos e limpeza, mentres que a quinta persoa realizará traballos administrativos no arquivo e biblioteca.

Logo da publicación do proceso selectivo no BOP, o Concello de Fene tramitará ante a oficina de emprego de Ferrol (Esteiro) as ofertas de emprego. Como requirimentos, as persoas a contratar deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados nas categorías de peonaxe de obras públicas (código 96011029) ou empregada administrativa de arquivos e bibliotecas (código 42101011).

Cristina García, concelleira de formación e emprego de Fene, avanzou que estes contratos terán unha duración de seis meses a partir da súa sinatura, e puxo en valor este programa para “ofrecer unha oportunidade de emprego a cinco persoas ao tempo que contribúe a mellorar os servizos prestados polo Concello de Fene”.

As persoas que desexen obter máis información poden dirixirse á Área de Formación e Emprego “Pancho Allegue”, na Praza Ramón Souto s/n; no teléfono 981 492 767 ou no correo electrónico orientacion.laboral@fene.gal.

Institucional

Publica o teu comentario agora