Convívio na Casa de Manuel María

Convívio na Casa de Manuel María

10 de Xullo, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

O sábado desenvolverase na Casa Museo Manuel María e na carballeira de Santa Isabel de  Outeiro de Rei o “Convívio da Cultura Galega”, unha festa de confraternización arredor de diferentes actividades culturais e de lecer. A música, o teatro, a proxección de audiovisuais, contacontos e a visita á propia Casa Museo ocuparán unha xornada para todos os públicos. Un concerto de “Pepe Vaamonde Grupo”

O comezo está previsto para as 10:45 na praza do concello de Outeiro, onde as Bandas de Rábade-Begonte e Solfa de Santiago recibirán a todos os asistentes con dúas pezas conxuntas -máis de 50 instrumentistas-. Xa no auditorio da Casa Museo desenvolveranse diferentes  actividades, simultaneamente ás visitas por grupos á propia Casa.

A xornada contempla, ademais, unha ofrenda a Manuel María no cemiterio de Outeiro onde descansan os seus restos. Na paraxe natural da carballeira de Santa Isabel, ao pé do río Miño, actuarán as Bandas de música de Solfa -Santiago- e Rábade-Begonte, ademais do Coro de Solfa, para logo dar paso un xantar demorado con tempo para cantar, bailar e conversar e no que cada quen levará a súa comida. Non faltará a sesión de contacontos para nenos/as a cargo de “Fabaloba”, e o paseo e a  festa espontánea para o resto.

A xornada pecharase co concerto de “Pepe Vaamonde Grupo” ás 18:45 horas. Esta banda, con 12 anos de historia, é un referente na música folk galega, recoñecida pola forza do seu directo a orixinalidade das súas composicións. O concerto do día 12 en Outeiro será como un “anticipo” do que o grupo dará o día 17 no Festival de Ortigueira. Neste concerto tan especial farán un repaso dos temas máis coñecidos dos seus tres traballos discográficos publicados: “Aviouga”, “Onde nace o vento” e “Introterra”, ademais de facer un anticipo do que vai ser o seu novo disco que fará referencia ao “Lume”, pechando así a tetraloxía adicada aos catro elementos naturais que antigamente se consideraban como a orixe de todas as cousas: aire, terra, auga e lume.

Sociedade