A conversión de San Pablo

A conversión de San Pablo
09 de Abril, 2021 - 01:02 h. | Publicada por Radio Fene

Carvalho Calero convertiuse ao lusismo como San Pablo cando caeu do cabalo camiño de Damasco.

ESCOITA O PODCAST:

Un artigo do filólogo portugués Rodrígues Lapa, publicado en 1973 nunha revista lisboeta, vai mover os cimentos do galeguismo oficial no noso país. Neste artigo titulado “A recuperaçao literaria do galego” o lingüista portugués defende que a situación do galego é moi problemática. En palabras de Martinho Montero, “fai un estudo profético e clarividente do que pasaría despois". Acudindo á tradición galeguista, ven propor que o galego e o portugués téñense que unir para salvarse. Xa predixo que no ano 2000 serían 200 millóns de luso-falantes no mundo e non se equivocou.

Afirma Montero que a proposta do profesor Rodrígues Lapa provocou unha reacción inesperada en Ramón Piñeiro que o tomou como un ataque ao galeguismo oficial que el representaba. “Rodrigues Lapa quedou moi sorprendido desa reacción, segundo me confesou”. Di Montero que a resposta non tiña nada que ver coa proposta que facía o profesor portugués que sempre destacou polo seu apoio ao galeguismo nos anos 30 nos que coñeceu a Castelao. DI Martinho Montero que Carvalho Calero foi o único que recibiu o artigo como unha sacudida. “Fíxolle reflexionar sobre se o que estaban facendo ía por bo camiño e se servía para algo”.

Carvalho comparouno no que a el se refería coa conversión de San Pablo camiño de Damasco. Para el pesou máis a formación científica do lingüista portugués e o apoio que sempre brindou ao galeguismo.

Cultura

Publica o teu comentario agora